Xosé A. Touriñán: “O secreto é non perder nunca de vista para quen traballas. No meu caso, traballo para o público”

Xosé A. Touriñán é un dos artistas máis recoñecidos en Galicia. Actor, humorista, produtor, guionista… recoñece que non pode estar parado. Sempre con ganas de facer e probar cousas novas, os que o coñecen e traballan con el coinciden na súa capacidade para involucrar a xente nos proxectos e en que sempre aporta ideas ou enfoques novos. Como di el mesmo, “eu xogo a este xogo, divírtome e penso que se nos divertimos todos, as cousas saen ben”.

Logo de saltar á fama co dúo cómico ‘Mucha e Nucha’, formado con Marcos Pereiro, Touriñán desenvolveu unha exitosa carreira como actor e monologuista paralelamente á súa faceta como produtor de teatro e audiovisual e impulsor de iniciativas culturais como o festival Castelo Conta, do que é director.

Somos Criminais, o espectáculo creado xunto con Carlos Blanco, foi un fito no teatro galego logrando vender máis de 50.000 entradas e enchendo teatros por toda Galicia. Despois de aparecer como actor na exitosa serie Fariña, xuntou forzas con Nacho Carretero, autor do libro, para levar a historia do narcotráfico en Galicia ao teatro. Trala súa estrea en Galicia, a irrupción da Covid-19 paralizou durante uns meses toda a actividade escénica, pero no outono de 2020, Fariña chega a Madrid e colleita un éxito sen precedentes en Matadero e, tras unha estancia de case seis meses na capital, continúa xirando por toda España.

Falamos con el sobre esta capacidade de crear audiencias, a súa visión das artes escénicas e da vida en xeral, porque falando con el é difícil separar o seu traballo da súa vida.

Unha das cousas polas que destaca o teu traballo é pola capacidade para atraer público aos espectáculos. Que é e como se crean audiencias?

Hai dúas partes en todo este proceso, unha parte de crear audiencia sen querer, sen ser consciente, sen buscala, sen que sexa o obxectivo inicial. É como cando empezas, eu sempre digo que non busquei ser artista, que foi a profesión que me escolleu a min. Comecei a xogar a este xogo, gustoume e tiven a sorte de que o que faciamos tamén gustaba, desde o primeiro momento, e non só o pasaba ben, senón que me pagaban por facelo. Esa primeira época, sen querelo, foi un xerador de masas e audiencia inconsciente ao ter éxito o que facía. No momento en que es consciente de que as cousas que constrúes neste oficio gustan, teñen éxito, chega o medo a perder o público. Decátaste de que esta é a túa profesión, á que lle vas dedicar o teu tempo e a túa vida, e que é moi fácil que che esqueza para quen traballas. Traballas para ti, para a túa satisfacción persoal e económica, pero chegados ao punto no que é un oficio que dá para vivir, que é a túa ocupación, non hai que esquecer que nós traballamos para o público. Cada un escolle o seu camiño e o seu público, pero eu non quero botar a ninguén. A miña maneira de traballar é intentar chegar sempre á maior cantidade de público posible.

Por iso vexo esas dúas etapas, cando es consciente e cando es inconsciente, que é, penso eu, a única maneira de creala. Se te propós desde o principio facer algo, sumar un máis un e crear público, iso case nunca sucede, nin hai fórmulas máxicas para saber o que vai funcionar. Co tempo si que vas tendo intuición e vas vendo o que gusta ou non. Ao final é unha profesión de entreter á xente, de emocionala. E iso é o que hai que buscar realmente.

Foto: Aigi Boga

Cando creas contidos no teatro ou no audiovisual, estás adaptándote aos gustos da xente ou é a xente a que adapta os gustos ao que ti propós?

Creo, non estou seguro, que nós temos máis liberdade para crear no teatro. No teatro facemos máis o que nos apetece facer. Non quero mentir tampouco, eu fago o que me gusta, non é que busque o que lle guste á xente e que aínda que non me guste nada fágao igual. Non é iso, para nada. Eu fago o que me gusta, fago o que me fai rir a min.

Na televisión sempre hai xente decidindo por riba do que ti produces, que che pon valos, problemas e nunca hai unha liberdade absoluta. Non a hai. Ás veces inténtase xustificar contido con que “non lle gusta ao noso público”, “o noso público non o entende” e é un pouco aburrido. Moitas veces, onde están as cousas que funcionan é nos sitios nos que non se estivo antes, aí é onde están os éxitos.

E ti como público, que buscas no teatro? Que te chama nunha obra para ir vela?

Eu son un espectador pésimo agora, e cada vez máis. Como nos dedicamos a producir… Eu recordo sempre á miña bisavoa, que era costureira, e cando viña da misa, ou da festa, ou de calquera sitio que houbera máis persoas, no que se fixaba era en como estaban feitos os vestidos. Eu cando vou ao teatro, estou intentando desfrutar, pero estoume fixando na luz, en como se empregan os elementos escénicos… tamén nos compañeiros, claro. Pero cústame moito traballo ver a historia, gozala, non estar pendente de que un actor non foi ao foco, que a iluminación fallou… con dicirche que cando estou enriba do escenario non estou só ao que teño que facer co meu personaxe senón que estou mirando que unha porta quedou a medio pechar, que non entrou a tempo un foco, que a luz non é a correcta… É difícil.
Fóra disto, gústame moito ver cousas no escenario que non tivera visto antes, gústame moito rir. Aínda fai pouco que fun ver o novo espectáculo de Mofa e Befa, que fan trinta anos, e sigo escachando con eles, sigo pasándoo moi ben. Pero desfrutar con montaxes que me sorprendan pola escenografía ou a aposta escénica, é do que máis me gusta cando son público.

Hai máis marxe de xestión propia do desfrute no teatro.

Foto: Aigi Boga

Pode ser esa a gran forza do teatro? Que estea menos marcado o que se vai atopar o espectador que en producións audiovisuais? Esa liberdade de crear espazos?

Non estou certo, pero ao mellor no audiovisual desfruto máis co guión, coas historias. O teatro desfruto máis como espectáculo total, porque o plano, falo ti. No cine, na televisión, o director, o montador estanche dando os puntos de vista, pero no teatro ti fíxaste no que queres. Ti podes facer un plano xeral, centrarte máis nun actor… Hai esa diferenza, bastante substancial, á hora de gozar dunha historia. Hai máis marxe de xestión propia do desfrute no teatro.

Entre a profesión e tamén entre o público, se es un actor dramático, mírante con outros ollos, se es un cómico, es un pallaso. Na escala de onde poñer cada xénero, posiblemente a comedia estea no máis baixo.

Que pasa coa comedia que sempre parece que ten menos mérito ou é menos “importante” á hora de valorar un espectáculo?

Iso é algo que foi de sempre neste país, e penso que en todos. Non lle van dar un Oscar a Adam Sandler, por exemplo. É o tipo que máis espectadores ten, produce, escribe… Non sei por que será, igual por repartir éxitos: ti gañas o público e ti gañas os premios. A comedia, sobre todo se está ben feita, ten un retorno económico maior e o drama ten un retorno de prestixio. Entre a profesión e tamén entre o público, se es un actor dramático, mírante con outros ollos, se es un cómico, es un pallaso. Na escala de onde poñer cada xénero, posiblemente a comedia estea no máis baixo. Aínda así, eu creo que é moitísimo máis difícil facer comedia ca drama. Podemos chorar por mil cousas, se queren facerche feliz é moito máis difícil. É algo que hai que asumir que non vai cambiar, que os premios non van ir para a comedia. O éxito é que a xente vaia ao teatro ou que te paren pola rúa e che agradezan que os fagas rir, que fagas que a xente se sinta mellor, aínda que sexa por uns momentos.

Outra cousa é que tanto para facer rir, como para facer chorar, hai que facelo ben. Facer ben un drama é moi difícil, pero facer ben unha comedia é mil veces máis difícil. E eu fago tamén outros papeis, sobre todo ultimamente, máis centrado no drama, en Fariña (a adaptación televisiva)ou El desorden que dejas. Pero se tivera que escoller, escollería facer comedia sempre.

O indicador no teatro é instantáneo, se a xente non ri, non hai comedia. Por moito que ti te empeñes en chamarlle así.

Igual tamén é máis fácil valorar se está ben ou mal a comedia, porque tes a referencia da risa.

Exacto, se non ris non hai comedia. Non vale dicir “escribín unha obra cómica” e logo vas ao teatro e non ri ninguén. Entón estás equivocado, pensas que estás facendo comedia e non é así. O indicador no teatro é instantáneo, se a xente non ri, non hai comedia. Por moito que ti te empeñes en chamarlle así. Volvemos ao mesmo, unha cousa é facelo e logo está o facelo ben.

E despois tamén atopamos casos como o da adaptación teatral de Fariña, que ten moita comedia, pero tamén ten moito drama. A xente ri moito pero chega un punto no que a risa desaparece. Como se manexa iso desde o escenario?

Pois a verdade é que é unha satisfacción, pero xa non como actor, porque é o deseño de todo o espectáculo, dun camiño, dunha historia na que os que creamos temos que conducir ao espectador por onde queres que vaia. Aínda que fagas comedia, tes que saber onde fas un descanso, nun caso como o de Fariña, onde hai tanto drama, tivo que haber moita comedia, pero xa na historia. Porque había moitos cartos e o diñeiro, de entrada, dá alegría. O que pasa é que todo ese diñeiro, toda esa droga, toda a festa rebenta e acaba sendo, e segue sendo, un drama.

Como actor isto desfrútalo moito cando non estás en escena, desde atrás escoitas as risas nas partes dos demais, que a xente aplaude, berra, e pensas: espera, espera, xa verás cando veña a hostia, xa verás que risa. Como actor faiche graza que a xente está entrando e que está indo por onde ti lle estás marcando o camiño, sabendo que corren coma tolos cara ao precipicio, pero eles non o saben. Por poñer un exemplo é como a broma de abrir a porta e poñer un caldeiro de auga, ti sabes que está o caldeiro e xa ris antes de que pase, cando sabes algo, a felicidade vén porque sabes que está saíndo todo como tiñas pensado. E Fariña ten iso, esa subida e baixada e iso é mérito de quen o deseña, Tito Asorey, da dramaturxia de Prieto, e cando ves que o plan sae ben, pois é a máxima felicidade.

Algunha vez pensaches que Fariña podía chegar a onde está chegando e que tería o éxito que ten, non só en Galicia, senón fóra, onde non hai unha relación directa coa historia?

Non sei se quedarei de pretensioso, pero eu sabíao. Sabíao desde o momento que lle propuxen a Nacho Carretero facer isto, levar Fariña ao teatro, sabendo que estaba traballando con Tito, con Prieto… agora podería dicir que foi unha sorpresa, pero non. Eu sabíao. Non ata onde chegaría o éxito igual, porque estar seis meses en Madrid, agora saír e xirar por trinta e pico localidades por toda España… iso non o fixeramos nunca, foi un éxito enorme. Foi un éxito tamén en Galicia e volverá ser un éxito na primavera. Eu creo niso desde o principio porque traballo cun equipo no que sei que imos facer as cousas ben. Pódeste equivocar en cousas pero a intuición desde o principio en proxectos como este ou como Somos Criminais, si que che di que vai ser un éxito, o límite é verdade que non o sei, ata onde vai chegar. Pero que vai funcionar, que vai estar ben si o teño claro. Tamén porque, como dixen antes, non perdemos nunca de vista que traballamos para o público. Coa experiencia sabes máis ou menos que cousas podes dar para que desfruten unha hora e media. O público que vén ver todos os teus espectáculos pode dicirche que lle gustou máis Fariña ou Unha Noite na Praia ou Somos Criminais… pero todos o pasan ben durante o tempo que están no teatro. E eu teño clarísimo que a primeira finalidade do que facemos ten que ser esa.

Despois tamén é verdade que nunca gardamos nada á hora de facer un espectáculo. Poderíamos aforrar cousas, facelo doutra maneira, pero se pensamos que ten que ser dunha maneira, facémolo así. Igual parece prepotente, pero de verdade penso que cada vez que empezamos algo, vai ser un éxito. Un día levarei unha hostia, pero ata o de agora, case todo o que fixemos foron éxitos. Porque xa só ser capaces de vivir de facer o que nos gusta é un éxito tremendo.

No caso de Fariña estase chegando a públicos novos.

Fariña foi abrindo camiños. É certo que viña xa dun libro e unha serie de TV de éxito, polo que xa sabiamos que tiña percorrido fóra de Galicia e pensouse como unha obra que se puidera mover. Creo que sabiamos que se podía facer unha xira de rede como a que estamos facendo agora por toda España, para min o que foi un plus foi estar en Matadero vinte días, que fora un éxito no momento máis complicado da pandemia, que viñeran produtores comerciais dos máis importantes ofrecernos estar nos seus teatros cinco, seis meses. Iso tamén é un éxito, é unha medalliña persoal que te pos, pero é un éxito distinto ao que tomas de todo o proxecto, é algo a maiores.

Foto: Aigi Boga

Para min Carlos Blanco é o maior expoñente da comedia en directo en Galicia.

Somos Criminais tivo moita repercusión en Galicia, pero como explicariamos a alguén que non é galego que é Somos Criminais?

Somos Criminais nace de que se xuntan dúas das persoas que máis entradas vendían facendo espectáculos de comedia. Para min Carlos Blanco é o maior expoñente da comedia en directo en Galicia, hai outros que poden ser mestres, que puideron ir primeiro… pero todos os anos que botou Carlos facendo comedia co éxito de público, de xente que seguía o que facía, que coñecía o seu traballo… Carlos é o gran referente e poder traballar con el e xuntar os nosos públicos xa era algo moi importante, pero para min o máis grande foi poder traballar con el. E tan ben foi que estamos repetindo.

Somos Criminais 3, ademais de pola broma de segundas partes nunca foron boas, realmente é o terceiro espectáculo que facemos, porque fixemos Somos Criminais, logo Unha Noite na Praia, que era un texto máis teatral, e volvemos con Somos Criminais 3 que é unha mestura de stand up, espectáculo de comedia e teatro de sketchs. Xa de por si este tipo de espectáculos teñen unha gran aceptación polo público, no que se converteu Somos Criminais foi algo enorme, vendendo máis de 50.000 entradas, nunca se chegara a esas cifras en Galicia. Aínda que sexa algo que non se aprecie ás veces nalgúns sectores, incluso dentro do propio medio teatral, ou que non se valore para premios ou esas cousas, penso que o que fixemos algo moi importante.

Así como a intuición che dicía que Fariña funcionaría fóra, Somos Criminais é exportable a lugares que non manexan os mesmo códigos?

Penso que máis que exportable, sería adaptable. Somos Criminais é un tema moi galego, sobre todo no contido, máis que Fariña. O narcotráfico logo salpicou a todos lados, o tema da droga é algo que está vixente, pero isto baséase nas cousas que a nós nos fan graza, no xeito galego de facer humor se é que hai un xeito galego de facer humor, no uso da retranca, dos xeitos e maneira de como os galegos podemos facer comedia enriba dun escenario, pero tamén do humor de reunións en bares e festas. Ten moito de identidade e de cousas que só creo que se entenderían en Galicia.

Non sei ata que punto lle interesaría a unha persoa de Mucia como somos os galegos, porque é facer un repaso polos nosos xeitos, manías pola maneira que temos de ser criminais, por como facemos uso dos materiais que temos nas nosas casas… Non sei se é exportable, pero podería facerse un Somos Criminales español, con cousas típicas dos andaluces, dos murcianos, dos vascos… é unha liña que se podería marcar se quixeramos saír de aquí con el. E creo que sería un espectáculo moi divertido tamén.

Fixeches teatro, televisión, cine, produces, escribes, actúas… Hai algunha cousa que non fixeras que teñas moitas ganas de facer?

Un montón de cousas supoño. Quédame moito por facer, sobre todo como actor, aínda que teño a sorte que ultimamente vou facendo cousas noutros rexistros diferentes. Teño ganas de que me sigan invitando a facer cousas diferentes das que fixen. Tamén teño moitísimas ganas de facer Nena, unha curta que imos producir. Que non é que teña moitas ansias de dirixir, quero xogar a iso, rodearme de xente que saiba moitísimo e intentar gozalo. Tomalo como tomo as cousas cando traballo de actor, como un xogo, pero teño moitas ganas de ser o que toma a decisión última de todo. De ter a responsabilidade que ten o director, que aínda que antes falabamos que no audiovisual tes menos liberdades, neste proxecto, que é unha curta, vou facer o que me dea a gana, o que me apeteza. Quero probarme aí, a ver que pasa. Teño moitas ganas.

Dá máis liberdade unha curta ca outros formatos audiovisuais?

Entendo que depende de quen produza. Se es capaz de autoproducir, como é o caso noso, se non tes alguén que marque o que podes ou non dicir ou facer, penso que tes moitísimas máis liberdades. E hai que telas, é o lugar, porque se logo tes que facer unha peli, seguro que hai moitísimos máis condicionantes, problemas e voces que opinan… e moitas máis dificultades para conseguir o que queres facer. Se acertas, acertas ti e, se te enganas, engánaste ti.

Que nos conta Nena?

É un drama cómico ou unha comedia dramática. Eu quero que sexa cómico aínda que se les o guión parece un drama grande. Conta sobre todo que a ausencia de alguén pode cambiar a vida de todos, ou as dinámicas. Que moitas veces na vida hai a quen lle toca coidar a xente cando o lóxico non sería que esa xente coidase senón que fora coidada. Conta tamén a sorte que temos de ter coidadores que non correspondería ter. Aínda que é a historia dunha nena eu penso que ten moito de mamá, do que nos dá unha nai, aínda que neste caso non está. E todo isto, con comedia (ri). Eu gusto moito da comedia que fai rir e logo che apreta o corazón. Imos intentar levalo por aí.

De nais e pais tamén falas en Aquí Tou, o teu último monólogo. Como chegas a facer un espectáculo de comedia sobre ti mesmo?

Parte dunha premisa básica da comedia: rir de ti para poder rir de calquera cousa. Se teño que contar unha historia, a que mellor coñezo é a miña. É verdade que hai cousas que se contan en Aquí tou que non son verdade e outras que non son certas, como digo eu. Tamén hai cousas que son verdade e fotografías que aparecen que son os meus pais, a miña familia. Xógase desde aí, poder ri de ti, do teu entorno… de cousas que ao mellor escandalizaban, que pasaban tamén noutras familias… iso é fantástico, e de aí sae Aquí tou. É ir dando saltos por distintos pasos da vida intentando facer rir, facer humor con todo.

Xa para rematar, que é Catro Gatos?

Non sei moi ben o que é, non sei se ten nome iso. É un formato de tele, para Televisión de Galicia, que mestura o faladoiro cómico con sketchs de humor. Son episodios de 25 minutos para todos os públicos, igual non para nenos pero non habería tampouco ningún problema en que o visen nenos. Haberá personaxes que lles gusten, aínda que está pensado para adultos.
Son catro amigos que se xuntan para falar e botar unhas risas e no medio desas conversas van arrancando ficcións cómicas que teñen a ver co que eles están falando na mesa.

Foto: Aigi Boga

As mellores cousas sempre me viñeron pasándoo ben, estando con amigos, estando xogando e por iso esa é a miña filosofía de vida e de traballo.

A chave de todo é tomalo con humor?

Sempre. Creo que iso é básico. Na miña bio de Twitter pon: “Rir para vivir” e dígoo en serio. Penso que para todos pero eu, na miña profesión, cheguei á conclusión de que todo hai que tomalo con humor e non darlle tanta importancia ás cousas, nin aos éxitos nin aos fracasos. Eu ao longo da miña carreira tamén tiven momentos que non o pasei nada ben, que non desfrutei e non paga a pena. As mellores cousas sempre me viñeron pasándoo ben, estando con amigos, estando xogando e por iso esa é a miña filosofía de vida e de traballo.

Artigos relacionados