O proxecto ‘COLAPSO, ser xoven ante os límites do crecemento’ chega este mes a Ribadavia no marco da 42ª MIT. Trátase dun laboratorio gratuíto de creación escénica e artes vivas dirixido á mocidade, que propón un espazo de traballo para pensar o presente desde a crise ecolóxica. A iniciativa culminará o 18 de xullo cunha mostra aberta ao público na Casa da Cultura.
A 42ª edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia incorpora á súa programación ‘COLAPSO, ser xoven ante os límites do crecmento’, un laboratorio gratuíto de artes vivas e creación colectiva que se desenvolverá desde mañá, 7 de xullo, en Ribadavia.
Trátase dun proceso intensivo de traballo escénico dirixido a mozas e mozos de entre 16 e 21 anos, no que a creación artística se entende como ferramenta de pensamento e de intervención sobre o presente. Durante dez días, as persoas participantes construirán unha peza que toma como punto de partida a crise ecolóxica, pero tamén as formas de habitar o mundo desde a súa xeración.
As sesións estarán coordinadas por Juan Ayala e Miguel Oyarzun, quenes levan desde 2010 colaborando en proxectos de teatro, performance e creación comunitaria
Lonxe de funcionar só como un espazo formativo, ‘COLAPSO’ propón unha experiencia na que a escena se converte nun lugar de encontro, debate e produción de discurso. A proposta sitúa á mocidade no centro do proceso creativo, non só como intérprete, senón como voz activa á hora de pensar o futuro e cuestionar os relatos dominantes sobre o progreso.
O proxecto culminará o sábado 18 de xullo cunha mostra aberta ao público no Auditorio da Casa da Cultura de Ribadavia, seguida dunha conversa posterior que busca ampliar o diálogo máis alá da propia representación.
A iniciativa forma parte da denominada Triloxía da mocidade, un proxecto de investigación escénica iniciado en 2022 que analiza, a través de tres liñas, a relación das novas xeracións coa tecnoloxía, a economía e a ecoloxía. Tras SELFI (2022) e CAPITAL (2023), este novo capítulo pecha o ciclo cunha reflexión sobre os límites físicos e simbólicos do crecemento e sobre o impacto dun modelo de desenvolvemento que condiciona o seu futuro.
A participación é gratuíta, non require experiencia previa e conta con prazas limitadas. O laboratorio desenvolverase en horario de mañá, entre o 7 e o 17 de xullo, antes da presentación final do día 18.
Este tipo de iniciativas reforzan o papel das artes escénicas como espazo de aprendizaxe e pensamento crítico, especialmente entre as xeracións máis novas. Máis alá da práctica teatral, propostas como esta funcinan como ferramenta para cuestionarnos o presente, abrir debate e xerar comunidade arredor de cuestións que atravesan de forma directa o futuro da mocidade.



