Chega o outono e con el unha nova edición, e xa van 32, do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo. O FIOT anunciou as súas datas deste ano, do 28 de setembro ao 31 de outubro, nas que poderemos desfrutar de 38 espectáculos, 10 dos cales serán estreas absolutas. ‘Prima Facie’, ‘Hay alguien en el bosque’, ‘La comedia de los errores’, ‘O pequeno poni’, ‘El traje’, ‘Sexpiertos’, ‘Ma solitud’, ‘Forever’ ou a estrea absoluta de ‘Apaga o candil’ son algúns dos máis destacados.
Unha nova edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, foi presentada cun programa rico e diverso que irá do 28 de setembro ao 31 de outubro. Destacan a presenza de grandes figuras ou compañías da escena actual como Vicky Luengo, Ariadna Gil, Andrés Lima, Paco Bezerra, Pepe Viyuela, Javier Gutiérrez, Kulunka Teatro, Cándido Pazó, Diego Anido ou Redrum Teatro, entre moitas outras. Ademais, o festival conta cunha ampla programación de actividades complementarias.
A loita contra a intransixencia é a idea sobre a que xirará o programa desta nova edición dun dos festivais de referencia das artes escénicas en Galicia. Nunha “aposta polas voces singulares e únicas” o FIOT volve ser un punto de encontro para o teatro na Costa da Morte, cunha vontade clara de chegar a novos públicos sen deixar de lado o compromiso social e a calidade das propostas. O programa desta 32ª edición contará con todas as seccións habituais do festival: Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa, FIOT en Ruta, Micro-escenas M2, FIOTeen e Fiotiño, ademais de actividades complementarias como exposicións, as gravacións de OndaFIOT ou a celebración de xornadas profesionais.

Dende a organización do festival destacan a presenza de nomes fundamentais da escena española e internacional, como Vicky Luengo, Suzie Miller, Ariadna Gil, Javier Gutiérrez, Luis Bermejo, Andrés Lima, Pepón Nieto, Paco Bezerra, Pepe Viyuela, Jean Philippe Kikolas, Alberto Conejero, Xavier Bobés, Kulunka Teatro, Telmo Irureta, Anna Maria Ricart, Guillem Albà, Wilbur, Fernando Soto, Maribel Salas, Aitziber Garmendia…; mais tamén nomes clave das artes escénicas galegas: Cándido Pazó, Contraproducións, Redrum Teatro, Diego Anido, Quico Cadaval, Roi Borallas, Antón Coucheiro, Soledad Felloza ou Caxoto.
A estrea absoluta de Apaga o candil, espectáculo coproducido polo FIOT e Contraproducións abrirá o programa de sala. Cun pé no humor e outro na emoción, Candido Pazó, un dos dramaturgos galegos máis prestixiosos, narrador e admirador de Carlos Díaz O Xestal, achéganos á figura do singular contador de contos.
Outra das estreas será O pequeno poni, obra asinada por Paco Bezerra, un dos referentes da dramaturxia española contemporánea, expón o conflito social do acoso escolar. Redrum Teatro, formación comprometida con creadores de visión arriscada e coas preocupacións sociais, estrea no FIOT a versión galega deste impactante e sobrecolledor texto que nos convida á reflexión sobre a liberdade, o medo, o instinto de protección, a ineptitude e os prexuízos sociais dos adultos.
A programación completa pode consultarse na web do FIOT.

Máis alá do teatro
A narración oral conta coa súa programación específica, a Rúa dos Contos, que un ano máis regresa aos bares con figuras como Pepe Viyuela, Soledad Felloza, Bea Campos, Quico Cadaval ou Wilbur. O Teatro de Rúa celebrarase esta edición na praza do Concello con espectáculos adaptados a diferentes espazos non convencionais do municipio.
O apoio á creación estará presente a través da coprodución da peza Apaga o candil, en recordo da figura d’O Xestal; ao igual que o apoio á investigación e ao tecido emerxente coa celebración da residencia da coreógrafa e bailarina Clara Pampyn ou co propio certame Metro Cadrado; así como a visualización de novos formatos e propostas escénicas, que se traduce na liña de programación OTNI.
O FIOT contará tamén con xornadas profesionais, entrevistas, encontros e moitas outras actividades de mediación, pretendendo achegar máis que unha programación de espectáculos “un motor para as artes escénicas galegas”.