Galicia Escena PRO, a feira de artes escénicas promovida pola Xunta e organizada en colaboración con Escena Galega, celebra a súa décima edición do 29 de maio ao 1 de xuño en Santiago de Compostela.
Esta semana as artes escénicas galegas locen ante o sector profesional para dinamizar a contratación das producións do país entre empresas de distribución así como representantes de festivais, mostras e teatros. Ademais, o evento abre as portas ao público xeral para que asista ás representacións dos espectáculos programados. A entrada é gratuíta previa retirada de convite no Centro Obra Social Abanca (en horario de 9 a 14 h e de 16 a 19 h).
O Salón Teatro, o Teatro Principal, o Auditorio ABANCA e a Fundación SGAE son os escenarios para as representacións dos espectáculos seleccionados, que se estenden tamén ás prazas de San Martiño Pinario e Mazarelos con tres propostas de rúa. Estes catro días dan boa conta da variedade de artes escénicas que temos en Galicia, con propostas para todos os públicos e disciplinas como danza, circo e teatro.
O luns 29 abren a feira as pezas Crisálida de Caramuxo Teatro, Vaivén de Marcia Vázquez, A nai de Amorodio Teatro e Arraianos de Sarabela Teatro. O martes 30 poderanse descubrir as obras Solo de Roi Borrallas, Mosca de Ártika Cía., Bionic de La Guajira e Hamelin de Redrum Teatro.
Xa o mércores 31 de maio, Galicia Escena PRO acolle as estreas absolutas de Vestirme de ti de Furia Sotelo e Alleo de Colectivo Glovo, así como os espectáculos Hasta que la muerte nos separe de Inconstantes Teatro, Outrora nós de Mevadeus, Sofá de Marta Alonso Tejada Cía. e In-gobernable de Uxía Morán. O último día é o xoves, 1 de xuño, con Multiperspectivas #2 de Paula Quintas Cía., 3240 de DeuVe, Iphixenia na porta do súper de Compañía Humana, Backstage de NegroLópez e Unha inimiga do pobo de Talía Teatro.
Pitchings de espectáculos que virán
Un total de 12 proxectos seleccionados compartiranse exclusivamente cos profesionais acreditados en dúas sesións de pitchings. Trátase de espectáculos que se atopan aínda na primeira fase do seu percorrido e que poderemos ver nun futuro sobre os escenarios. Anöa, de Elvi Balboa; Compaña, Xampatito Pato; Kyoki, de Elefante Elegante; Monstros, de Producións Teatrais Excéntricas, Nanai da China, de Pérez&Fernández; Perder a lingua, de Eva Comesaña; X, de Fran Sieira; Birds on a Wire, de Pistacatro,; Deadpan Karaoke, de Ibuprofeno Teatro; Entrega en man, de Contraproducións; Frío, de A Feroz; e IRIBARNE, de ButacaZero.
A programación completa pode consultarse na web galiciaescenapro.gal.