Cultura, comedia e tradición ao pé do Xalo

O Castelo Conta regresou este verán con teatro, música, actividades para todos os públicos e moita festa. Milleiros de persoas acudiron á VII edición dun festival de referencia para a cultura no rural.

A espera fíxose longa. Dous anos sen festas, sen xuntanzas, sen compartir as vivencias cos veciños, sen entrar nas casas de outros… Porque iso é o Castelo Conta, unha festa na que a veciñanza de Castelo abre as portas das súas casas a toda a comarca da Coruña para desfrutar do teatro, da comedia, da música… para xuntarnos cos maiores e escoitar as súas historias e lembranzas e aprender un pouco máis de todos nós.

A VII edición do Castelo Conta foi a máis agardada e tamén a máis ambiciosa. Unha semana enteira de programación para todos os públicos desde primeira hora da mañá ata ben entrada a noite. Atendendo ao respecto polo medio natural e co público —ben sexa miúdo ou veterán— no centro absoluto.

O programa #SenPlásticosNoMonte é un dos piares sobre os que se sustenta esta proposta, unha iniciativa que busca concienciar sobre a necesidade de coidar o noso medio natural, evitando os plásticos dun só uso e facilitando a separación de residuos para a súa reciclaxe, porque tan importante é o que se ve durante a semana do festival como que non se vexa a súa pegada unha vez rematado.

A veciñanza de Castelo implícase na organización e desenvolvemento dun dos acontecementos máis singulares da axenda de festivais galega. Contidos para todas as idades enchen esta parroquia de Culleredo na última semana de agosto.

Entre as novidades deste ano, a máis visible foi a estrea dun novo escenario, a Leira de Himerio, en Folgueira. Este recinto, localizado a poucos pasos do Centro Social de Castelo, ao carón do cal se realizan múltiples actividades da Xente Miúda do Castelo Conta e dos Contos de Castelo, funcionou tamén de lugar de benvida e información ao visitante, cunha gran pantalla instalada na entrada e os postos de información e venda de materiais promocionais e entradas. Chegando a Castelo, as marquesiñas e bandeirolas indicaban a dirección correcta e a programación dos diferentes lugares da parroquia a quen se achegou no final de agosto a Castelo. Un pequeno lugar ao pé do monte Xalo que durante unha semana alberga unha programación cultural de primeiro nivel e que ten unha implicación da veciñanza total.

E é que o Castelo Conta son as festas dos veciños, a “festa que lle deu a volta á festa”, en palabras de Xabier Díaz, que apostou por unha semana diferente na que as comidas populares, as rosquilleiras e as misas do patrón conviven co teatro infantil, os monólogos cómicos, a música de raíz popular máis vangardista, os obradoiros… En Castelo puidemos ver os concertos de Sés, Caamaño&Ameixeiras, Guadi Galego, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Moura, Xurxo Fernandes e PanSenFron, Galifunk Brass, Los Mecánicos ou as sesións DJ de Russ e DJ Mínimo.

A Leira de Himerio foi o escenario no que Noemi e Darlene Rodríguez representaron Hoy puede ser mi gran noche, que atrapou co seu humor a todo o público de Castelo. O Sabooor! de Fran Rei e Félix Rodríguez cativou aos máis pequenos, que tamén tiveron a oportunidade de desfrutar Quixote, unha proposta preciosista e minimalista de Pedras de Cartón. A compañía Chévere trouxo a Eira do Ferrador As fillas bravas de Momán, un alegato en favor da igualdade co humor como medio de transmisión. Pola súa banda, a noite de Monólogos, coa participación dalgúns dos mellores humoristas do país e Somos Criminais 3, con Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán congregaron ao redor de 1.800 persoas cada unha na polideportiva de Castelo.

Foto: Aigi Boga

Os Contos de Castelo trouxeron novamente ao presente as vivencias, lendas, historias e personaxes doutros tempos na comarca. Aprendemos de festas de antes, das comidas que nelas había, de remedios naturais, de meigallos e bruxerías… e rescatamos a figura de Finita Gay, primeira cantante de orquestra de Galicia. A súa familia compartiu con todos os presentes a súa vida e a súa personalidade extraordinaria. A súa imaxe, pintada polo artista ourensán Mon Devane, preside a fachada do Centro Social desde este verán.

A veciñanza de Castelo tamén se involucrou na formación ambiental para os máis pequenos, impartindo obradoiros de autocultivo nas súas casas e tamén acompañando aos miúdos e miúdas ao monte, para coñecer a flora autóctona, recolectar materia vexetal para construír un refuxio de insectos para preservar a biodiversidade e evitar as pragas e realizar unha plantación simbólica de especies autóctonas no Xalo.

Vivir o Castelo Conta é unha experiencia moi diferente ao que un festival adoita ofrecer, xa que a maiores da programación, está a experiencia de comunidade que brinda a veciñanza de Castelo, axudando en todo o preciso para o bo discorrer do festival, desde prestar un espello para os camerinos das actrices ata abrir as portas das casas á xente para poder conversar á sombra, gozar do teatro e a música e compartir con todos os seus recordos en forma de fotografías e películas en Super 8 de cando moitos de nós aínda non estabamos neste mundo. Polo medio, nunca faltou xente para cociñar para case que 1.200 persoas, ou mover con maquinaria agrícola estruturas e decorados.

Foto: Paula Correa

A última semana de agosto en Castelo é a mellor cura contra ese síntoma do final de vacacións e de volta á rutina, porque o que aquí acontece ten de todo menos rutinario. Quen non veu a Castelo, non pode entender do que aquí falamos. A próxima oportunidade, en agosto de 2023, alí nos vemos!

Artigos relacionados

O público que vén

Sumar público para o teatro galego é unha das grandes metas das nosas táboas. Repasamos a proposta do Castelo Conta para os espectadores primeirizos e para os que queren repetir.