Sumar público para o teatro galego é unha das grandes metas das nosas táboas. Compañías, asociacións e festivais sábeno ben e traballan nos seus diferentes campos para facer medrar o número de espectadores que van aos espectáculos que semana tras semana se programan por toda Galicia. Repasamos o acontecido no Castelo Conta, que finalizou a súa última edición cun récord de asistencia nos seus espectáculos de comedia para adultos e tres espectáculos familiares cos que achegarse ás artes escénicas por vez primeira.
A falta de público é unha das principais preocupacións de quen se dedica a crear, distribuír ou programar teatro en Galicia. Fóra dos festivais e circuítos, non é sinxelo levar espectadores aos teatros e auditorios —aínda que haxa espectáculos que enchan teatros durante toda a xira— e tampouco o é que se fale das obras ou de quen as protagoniza. A primeira vez que vas ao teatro é das máis importantes, xa que tendemos a pensar que se non nos gustou o que vimos, é porque non nos gusta o teatro —cousas que fai a nosa cabeza— e non porque non nos gustou o espectáculo escollido.
Traballar o público é unha prioridade para moitas das compañías e programadores de Galicia, aínda que sabemos que non é tarefa sinxela, desde Táboas temos comprobado que o teatro galego ten público e non só nas grandes cidades. Mais o público hai que buscalo e despois conservalo, como ben dixo Tito Asorey nun dos primeiros textos que publicamos, non se crea por xeración espontánea.
O Castelo Conta é un festival singular, programa música, actividades para a cativada, cinema, obradoiros e espectáculos de comedia. Dous dos eventos máis multitudinarios ano tras ano son a Noite de Monólogos e o espectáculo da noite do xoves co que comeza a programación da fin de semana. Nesta última edición, a noite de monólogos acolleu máis de 1.900 espectadores nesta parroquia ao pé do Monte Xalo, unha entrada dificilmente igualable polas capacidades dos teatros e auditorios galegos, todos por debaixo dese número de butacas. Este espectáculo atrae fans da comedia en vivo e tamén a curiosos que van por ver como é iso do que tanto falan nas redes e na prensa, ese evento sobre o que se construíu un festival e no que se xuntan os mellores cómicos e cómicas do país nun mesmo escenario.
O espectáculo do xoves nesta ocasión foi Castelo Arre ou Show, unha proposta de Manuel Cortés composta de diferentes sketches interpretados por Isabel Garrido, Lucía Veiga, Patricia Castrillón, Carlos Blanco, Federico Pérez, David Perdomo, Xosé A. Touriñán e o propio Cortés e con David Amor como condutor. A comedia funcionou neste formato de piano bar, co público acomodado en mesas ceando mentres desfrutaba do show, unha aposta do festival por probar novas propostas para un xénero que, en xeral, adoita ter boa acollida.
Coidar o público desde o principio
Se é importante que che guste o que ves cando vas por vez primeira ao teatro, máis aínda cando es pequeno e tes un milleiro de estímulos loitando pola túa atención todos os días e a todas horas. O Castelo Conta non deixa pasar a oportunidade de ofrecer espectáculos para a cativada que prendan neles e nelas a gana de desfrutar co teatro.
Nesta ocasión, foron tres propostas as orientadas ao público familiar. De Vilatristre a Vilalegre é un dos espectáculos que máis funcións fará este ano e, como non podía ser doutra maneira, fixo parada en Castelo. Esta produción do CDG e Teatro ó cubo tivo unha función matinal nunha eira da aldea de Vilaverde e unha posta en escena que mestura o mundo da banda deseñada, o teatro de monicreques e o traballo actoral.
Muiñada, interpretada por Tone Martínez e Alba Bermúdez, é unha viaxe ao pasado para os nenos de hoxe, un conto marabilloso sobre a memoria e a nosa tradición. O xogo, a música e as lendas son os ingredientes cos cales os protagonistas desta obra transmiten a importancia dun dos elementos fundamentais para a conservación da nosa tradición oral: os muíños.
Como estrelas de rock —que é o que son no fondo— chegaron Fran Rei e Félix Rodríguez ao Castelo Conta para presentar Máis Saaabor! O dúo estivera no festival dous anos atrás coa primeira parte do espectáculo e, por aclamación popular, volveron coas súas novas receitas, cancións e cunha enerxía tan contaxiosa que a cativada non quería marchar ao rematar a función.
Seguir traballando en que a cativada se achegue á programación de escénicas e que, unha vez medren, continúen co hábito de incluír o teatro nas súas actividades habituais, é algo que semella teñen claro todos os axentes deste sector. Propostas interesantes, divertidas, profundas, arriscadas, afiadas, novas, clásicas… sempre vai haber. E público tamén. O caso é que se atopen no tempo e no lugar axeitados.
Sigamos buscando. Sigamos probando. Sigamos acertando.