Ao poñer o primeiro pé no Castelo Conta podes ata non saber que vas ver, pero o que ves gústache. “Alomenos a cara tena boa”, que diría miña avoa. Iso de non xulgar un libro pola súa portada é algo trapallada, a todo o mundo lle gusta unha edición bonita e coidada. Ata chegar ao Castelo Conta nunca pensei que mirar pola fachada fose tamén determinante na organización dun evento como é un festival. Non sei, chamádeme superficial.
Laura Mahía (Arzúa, 1995) é a responsable da identidade gráfica que inundou Castelo en mil formas diferentes: os seus deseños estaban nos valados publicitarios, nas marquesiñas dos buses, nos vasos, nos decorados dos escenarios, nos mapas, na folla da programación… Se o Castelo Conta é un micromundo aparte que pasa só brevemente en agosto é grazas en parte á estética que o diferenza e sobre a que falamos coa súa deseñadora.
Que dificultades ou particularidades ten deseñar a identidade gráfica dun festival que xa existía de antes cunha imaxe gráfica substancialmente diferente?
É a primeira vez que me enfronto a un proxecto como é facer a imaxe dun festival enteiro, que ao final son un montón de aplicacións que tes que ter, abarca moito. Tiven que pensar ben a conexión entre as cores, as formas e todo para que tivesen relación dende os vasos do festival ata as marquesiñas de bus ou os escenarios. Construír ese universo foi complicado pero despois xa van saíndo sós os deseños. O máis complexo en canto a que o festival xa tivo edicións pasadas foi construír unha identidade completamente nova pero partindo dos mesmos conceptos que se utilizaron outros anos, por exemplo, o de tradición oral, o de cultura rural… Separarme, facer unha distinción dos festivais pasados foi complicado, pois ao comezo igual fixen algún que se me asemellaba a outros que xa tivo o Castelo Conta.
Canto tempo che levou todo o proceso? Non só deseñar, senón dende o principio cando comezaches a pensar no que facer.
Pensar a identidade gráfica para facer todo o manual, sobre dúas semanas. Pero, tamén, ao longo do festival fun modificándoo a medida que me xurdían ideas diferentes, partindo desa identidade gráfica que xurdiu ao principio e engadindo cuestións novas.
Que ten que ter unha boa identidade gráfica para que poida funcionar incluso cando xorden novas aplicacións para as que non estaba pensada?
Partindo dunhas cores pensadas ao comezo para que non sexan moi discordantes, despois pódese improvisar e utilizar deseños que empregaches para outros usos.
Como foi o proceso de poñer “sobre o papel” as ideas?
Normalmente comezo debuxando no Illustrator formas aleatorias e a probar con cores. Unha vez teño as cores paso a deseñar a lapis e facer bosquexos e, se algo me mola, xa o levo ao dixital.


A identidade gráfica do Castelo Conta comparte similitudes con outros traballos teus. Como se consegue que se recoñeza a autora detrás dun traballo que pretende distinguir outra empresa ou evento?
A verdade é que non sei como xurdiu o estilo que teño. Penso que, dende que rematei a carreira, estiven procurando ter un estilo máis persoal que se identificase pero non acababa estando cómoda con ningún. Co paso destes anos tiven a oportunidade para traballar con marcas como Deleite e fun sentindo que tiña a liberdade de facer o que quería, de probar a facer personaxes sen ser realistas, cambiándolles as proporcións, con cores vivas… Acabei por sentirme cómoda nese estilo.
Fun sentindo que tiña a liberdade de facer o que quería, de probar a facer personaxes sen ser realistas, cambiándolles as proporcións, con cores vivas…

Como comentaches, xa traballaras para Deleite —patrocinador do Castelo Conta— que comparte elementos ou ideas co festival: produtos do sector primario, a cultura rural, a preocupación polo medio, o vencello co país… Serviu como base para o Castelo Conta ou engadiu unha complicación?
Serviume de base, si, pero ao principio tiña algo de medo. Xa tiña ese estilo definido, traballei bastante para Deleite e ao final o Castelo Conta ten un concepto parecido de xente e de entorno rural, corría o risco de que se asemellasen demasiado. Por iso, tiven que facer o traballo de aparcar os deseños que adoito facer para Deleite e buscar un estilo un pouco máis diferente para o festival e que non se mesturasen; que cada un tivese unha identidade propia dentro do meu imaxinario e estilo.
Durante a semana que durou o Castelo Conta, os teus deseños estaban en cada recuncho da parroquia. Como viviches o chegar ao festival e ver todo empapelado co teu traballo?
Flipei bastante. Ver deseños dunha mesma en real sempre impacta, é algo que me ten pasado pero é diferente ao Castelo Conta. Chegar alí e ver absolutamente todo cheo de debuxos meus foi moi chulo. Ademais, estaba todo moi coidado a nivel de organización; gustoume moito a experiencia de ver os meus deseños tan ben montados.
Tiven que pensar ben a conexión entre as cores, as formas e todo para que tivesen relación dende os vasos do festival ata as marquesiñas de bus ou os escenarios. Construír ese universo foi complicado pero despois xa van saíndo sós os deseños.


Que artistas te inspiran?
Encántame a esaxeración da perspectiva nas ilustracións de Alva Skog, as cores vivas e o estilo de personaxe de Tess Smith Roberts, a simplicidade e a frescura de Dominic Kerston, Miguel Ángel Camprubí ou Mabel Esteban. A nivel de estudio gústanme moito os proxectos de Folch Studio ou en Galicia Studio Follow.
Que te leva a ser deseñadora gráfica e ilustradora?
Dende pequena sempre me gustou moito debuxar e sempre foi unha vocación que tiven moi clara. De adolescente seguíame interesando o tema do deseño, estaba todo o día en clase facendo ilustracións e rematei estudando Belas Artes. Como é unha carreira moi ampla, ao rematar buscando unha saída profesional comeceime a interesar polo deseño gráfico.
Foi máis o buscar unha saída laboral dentro da arte ou porque che chamaba a atención? Ou quizais por ambos motivos?
Si, un pouco de todo. Non era unicamente a ilustración o que me chamaba a atención, tamén o deseño, porque son ramas que se complementan entre si.
Supoño que non todos os días xorden traballos como o Castelo Conta e a idea que existe do mundo da arte é de inestabilidade ou incluso de precariedade. É acertada esta visión?
Si. É un mundo moi inestable, no que hai que pagar unha cota de trescentos euros de autónomos e no que non se sabe se se vai ter traballo ao seguinte mes. A min gústame moito ser ilustradora e deseñar, pero o que menos me chama desta profesión é a precariedade laboral que hai detrás dela, sobre todo se estás empezando e aínda non tes uns clientes definidos que saibas que che van pedir proxectos.