Nacho Carretero: “Oxalá houbese moitas máis adaptacións xornalísticas sobre os escenarios”

Nacho Carretero (A Coruña, 1981) comezou facendo xornalismo nas redaccións de diferentes xornais para logo percorrer o mundo como freelance. Publicou reportaxes sobre guerras, narcotráfico, corrupción, o ébola, o seu amado Deportivo da Coruña… e escribiu un dos libros máis vendidos e coñecidos dos últimos tempos: Fariña.

O fenómeno Fariña trouxo consigo unha serie de televisión vista no mundo enteiro, unha novela gráfica e o espectáculo teatral que supuxo o primeiro acercamento ás táboas dun autor que agora volve aos teatros con Recortes, caneos e outras formas de driblar, un espectáculo cheo de humor e música centrado no mundo do fútbol.

Co outono chegou aos teatros galegos Recortes, caneos e outras formas de driblar. Como nace este proxecto?

O proxecto naceu a partir dunha investigación que levei a cabo sobre as sombras do fútbol, sobre os aspectos menos coñecidos do deporte máis coñecido. A idea era converter esa investigación nun libro e, falando con Xosé Touriñán, decidimos que tamén sería moi boa idea trasladalo ao teatro. Tal e como fixemos con Fariña, decidimos empezar a traballar no proceso con José Prieto e Tito Asorey ata que se converteu nunha realidade.

Que pode atopar o público no teatro? E cal é o público ao que vai dirixido, necesitas coñecementos do mundo do fútbol para seguir a historia?

Necesítase cero coñecemento de fútbol para ver esta obra. De feito, creo que o fútbol é so un pretexto, un fío condutor. A partir de distintas situacións reais que compoñen a miña investigación, mostramos como no fútbol existe o sufrimento psicolóxico, a presión, a dor, a corrupción, a trampa… Pero o que en realidade estamos amosando é a natureza humana mesma, as súas contradicións, os seus padecementos. E todo con situación reais, familiares, con humor, sátira, música…

Logo da experiencia de Fariña, esta é a segunda vez na que o teatro constitúe o medio mediante o cal achegar unha historia xornalística. Como foi ese proceso?

Traballar con Tito, Prieto e Touriñán é unha marabilla. É doado porque nos levamos moi ben e é enriquecedor porque a experiencia me permite medrar e aprender. A miña investigación xornalísitca é a base desde a que nace o proxecto, pero a forma teatral depende deles tres, que son os que conseguen adaptar un traballo xornalístico a unha obra de teatro. Oxalá houbese moitas máis investigacións xornalísticas sobre os escenarios. Creo que é unha moi boa nova para o xornalismo.

Necesítase cero coñecemento de fútbol para ver esta obra. Mostramos como existen o sufrimento psicolóxico, a presión, a dor, a corrupción, a trampa… E todo con situacións reais, familiares, con humor, sátira, música…

Que aporta para ti o teatro á hora de contar historias?

Permite usar códigos e ferramentas propias do teatro que noutro formato son imposibles. O teatro serve para achegar testemuños e casos reais e convertelos en situacións cercanas ao público, recoñecibles e cercanas ata no físico. O público entra na historia, participa dela, interactúa… Onde senón no teatro poder ocorrer algo así?

Semella que ante os escándalos, cando se trata de fútbol, non se fan as mesmas preguntas. Tes esta sensación?

O fútbol é un xigantesco negocio onde hai xente moi poderosa. E, por riba, ten unha importancia e un peso social descomunal. Digamos que é un tinglado montado onde as luces son tan potentes que ás veces impiden ver que hai detrás.

Foto: Aigi Boga

Oxalá houbese moitas máis adaptacións xornalísticas sobre os escenarios. O teatro serve para acehgar testemuños e convertelos en situacións cercanas ao público.

Ten realmente demasiado peso o fútbol en decisións políticas? E na vida da xente?

Ten peso, si. O fútbol, na miña opinión, é unha cousa omnipresente. A min gústame o fútbol, pero recoñezo que é esgotador. Fálase de fútbol a todas horas e en todo o mundo. Por iso tamén nace este traballo: tentamos humanizar o fútbol, baixalo á terra, amosar unha realidade que di: aquí non hai deuses nin ídolos, só xente tentando facer o seu traballo e formando parte dun xogo. Iso é todo. Que non é pouco.

No fútbol non hai deuses nin ídolos, só xente tentando facer o seu traballo e formando parte dun xogo.

Logo destas dúas investigacións (Fariña e Recortes), atopaches semellanzas entre as tramas de narcotráfico e as que rodean o fútbol profesional?

Non compararía, pero o grao de corrupción que hai no mundo do fútbol é abraiante.

Pensas que é máis fácil falar agora de fútbol en produtos culturais do que era antes? Quen sería para ti un referente neste campo?

Si, penso que antes, no mundo intelectual, o fútbol tiña estigma. Pero pouco a pouco, escritores e autores comezaron a ‘confesar’ a súa paixón polo xogo e por equipos, e ambos mundos fóronse achegando. Eduardo Galeano e Juan Villoro, por exemplo, son dous dos cronistas máis importantes de Latinoamérica e ambos teñen escrito moito sobre fútbol, do que son (no caso de Galeano, era) fanáticos. Creo que aínda queda algo de prexuízo, pero sóame un pouco antigo: non vexo incompatible ser xornalista, escritor, músico ou actor e ser seareiro dun equipo.

Foto: Aigi Boga

Sempre falas de que o que a ti che gusta é o xogo, pero é posible vivir o xogo fóra da paixón?

A min non me gusta case nada o que ten que ver co fútbol negocio actual. Non me gustan as fichaxes millonarias, a perda de identidade dos equipos, os xeques, o márketing… Eu vexo o fútbol como un reduto de autenticidade, de tradición. Xa que noutros campos da vida temos que ser racionais, adaptarnos á modernidade, acostumarnos á velocidade do mundo actual… pois polo menos protexamos o fútbol e deixemos que sexa como un santuario onde poidamos expresarnos con paixón, con códigos tribais, con irracionalidade… É o interesante de ser dun equipo, de vivilo. Poñerte triste, enfadado ou ledo polo teu equipo paréceme unha cousa moito máis sa e inocua que enfadarte ou discutir por un intercambio de ideas políticas, por exemplo.

En canto ao xogo en si, pois mira, repítese moito iso de que o fútbol fomenta valores, axuda aos nenos e tal. Eu iso dubídoo moitísimo. Eu xoguei sempre ao fútbol, desde neno, e eu o que vin, sobre todo, é competitividade extrema, fomento da vitoria por riba de todo e descontrol nas mensaxes. Sei que agora está moito máis controlado, pero vexo bastante incompatible o ambiente do fútbol cos valores educativos nos que eu, persoalmente, creo. E doéme recoñelo porque me gusta moito xogar e desfrutar o fútbol.

E á marxe da política?

A política é todo. Nada está á marxe da política. O fútbol tampouco. Por que ía estalo? Iso que de que non hai que mesturar fútbol e política paréceme unha tontería. Outra cousa son os fanatismos. Obvio que non falamos diso. Pero que o deporte teña carga política? Ocorreu e ocorrerá sempre.

Como definirías o fútbol para alguén que nunca escoitara falar del?

Un deporte onde xogan once contra once e o Dépor perde.

Artigos relacionados