O primeiro consello que adoitan dar nos cursos de escritura é que “escribas sobre o que coñeces”. Nacho Carretero coñece ben o fútbol como amante do xogo e seareiro do Dépor, pero foi o seu oficio de xornalista o que o levou a indagar no fútbol máis alá da superficie e a paixón. Se o labor do xornalista é entender as realidades e contar o que está pasando, o teatro semella un medio tan bo como calquera outro para contalo.
Como xa ocorrera con Fariña, as táboas serven para achegar as historias xornalísticas dun xeito único; combinando documentalismo, música, humor, traxedia… É curioso que se ben no fútbol é habitual falar de teatro, entendido como simulación, no teatro non é nada habitual falar de fútbol e, unha vez visto o espectáculo que armaron Tito Asorey e José L. Prieto sobre os textos de Carretero, custa crer que non pasara máis. O fútbol ten moito máis que ver coa vida e a política que co deporte, reflexa moi ben como somos, cal é a sociedade que construímos ou na que, como meros espectadores, habitamos enfadadados coas decisións dos árbitros ou alegres polo ben que vai o noso equipo.
Sobre os escenarios vemos desfilar personaxes que representan ideas, accións, persoas… lévannos a sitios onde non estivemos antes —ou si— ou nos que non queremos estar. Nos campos sucede ás veces o contrario, vemos persoas sobre as que proxectamos as nosas ideas de como deberían ser e como deberiamos ser nós.
Outra cousa compartida do fútbol co teatro é a capacidade para producir conversos. Dicía Eduardo Galeano, o referente habitual á hora de “dignificar” o fútbol como temática cultural, que o fútbol é a única relixión do mundo que non ten ateos, non serei eu quen diga que o teatro tampouco os ten, porque algún hai, pero si que é certo que ten a capacidade para crear conversos. Un espectáculo que chega ao público pode facer reflexionar sobre temas da vida nos que un non reparara, ou sobre os que non quería reparar; incomoda, conforta e, nalgúns casos, ata pode cambiar a vida, que é senón ser crente?
Recortes, caneos e outras formas de driblar explora a condición humana a través dos personaxes que conforman esa gran comedia que é o fútbol moderno. Unha comedia da que coñecemos os mecanismos que fan que funcione, pero que continúa a funcionar porque ten o poder de crear comunidade, unha comunidade ás veces acrítica, pero outras —menos das que nos gustaría, seguramente— con gran poder de transformación social, de integración e solidariedade. Como todas as paixóns, é algo difícil de controlar, claro, e podes acabar asimilando por completo comportamentos ou credos que noutros aspectos da vida serían completamente intolerables. Pero é que o fútbol, o teatro e a vida son así, ingobernables.