Este é o lugar onde falan os vellos?

Imaxina un lugar onde se reúna a xente para facer algo tan común e á vez tan extraordinario como é falar e escoitar. Imaxina un festival que teña por bandeira a palabra, a historia, o conto. Imaxina que ese festival se realiza nun entorno máxico e cunhas persoas extraordinarias. Iso é o Castelo Conta.

Que hai máis galego que contar uns contos e botar a lingua a pacer? “Este é o sitio onde falan os vellos?” comentaba unha señora alá polo ano 2018 cando botaba andar os Contos de Castelo. “É, pero tamén é o sitio onde aprende a xente nova dos nosos maiores”.

Nesta edición dos Contos de Castelo descubrimos como eran os menús das nosas festas en tempos, achegámonos ao misticismo das nosas aldeas, coñecemos testemuños de xente que tivo que emigrar, contamos anécdotas a través de fotografías e películas en Super 8 cedidas polos veciños e veciñas e tivemos a honra de coñecer a historia da Martela. Unha muller pioneira no seu tempo que recibiu unha merecida homenaxe por parte da veciñanza e que debería ter un maior recoñocemento a nivel galego.

O meu agradecemento a quen participou, a quen escoitou e a quen tivo a idea de que isto existise. Porque se o Castelo Conta non existise alguén tería que inventalo.

Artigos relacionados

Un festival onde a escena nace da festa

O Castelo Conta leva máis dunha década demostrando que as artes escénicas tamén poden medrar desde unha pequena parroquia do rural. Humor, teatro, narración oral e creación para a infancia son parte dun festival que entende a escena como unha ferramenta para construír comunidade.

O público que vén

Sumar público para o teatro galego é unha das grandes metas das nosas táboas. Repasamos a proposta do Castelo Conta para os espectadores primeirizos e para os que queren repetir.