A tradición oral: semente do Castelo Conta

O Castelo Conta preséntase este ano como “a festa que lle deu a volta á festa”. Porque as festas da aldea convertéronse nun auténtico festival para gozar en familia, con actividades para todas as idades.

Os Contos do Castelo son os protagonistas durante toda a semana e supoñen unha posta en valor da tradición oral e da memoria da veciñanza. Poñerse a falar nunha eira, como se facía antes e agora xa non tanto, e escoitar toda a sabedoría que os máis maiores da parroquia teñen que transmitir. Lendas, anécdotas, mitos, historias… todo ten cabida para crear comunidade e que a súa memoria non se perda. Esta edición, ademais, estas conversas quedarán gravadas nun programa de radio para que poidamos escoitalas cando queiramos e desde onde queiramos. Os programas serán conducidos por Carlos Blanco, David Amor, Moncho Viña, Alfonso Hermida, Nacho Carretero, Arturo Lezcano e Marga Pazos. Eles propoñerán diferentes temas cada día, achegarán as súas diferentes vivencias, contarán con convidados especiais e, sobre todo, aprenderán coas historias que teñen que contar as veciñas e veciños de Castelo.

Como Castelo conta moito, tamén hai outras actividades relacionadas coa narración oral: o martes 22, de balde, contacontos a cargo de Celso Sanmartín. E moito humor! O xoves 24 Touriñán e David Perdomo levan ao escenario Corentena, conversas e improvisación para lembrar as risas que os cómicos nos sacaron en Instagram durante o confinamento. Xa o sábado 26 de agosto, en Castelo celebran a tradicional noite de monólogos, espectáculo que é a orixe do que hoxe en día é o festival. Unha decena dos mellores humoristas de Galicia compartirán escenario coas súas actuacións, combinadas con improvisación e música. Presentado por Touriñán, ao longo da noite haberá risas a cargo de David Amor, Pepo Suevos, Marita Martínez, Lucía Veiga, David Perdomo, Federico Pérez, Javier Veiga, Patricia Castrillón, Noemi Rodríguez e Rober Bodegas.

Actividades infantís e familiares

Os nenos e nenas teñen o seu oco no Castelo Conta co obradoiro Xente Miúda, onde aprenden xogos tradicionais, teatro e conectan coa natureza. Ademais, hai actividades dirixidas especialmente para eles. É o caso da obra de teatro As minas do rei Salomón, de Ghazafellos, hoxe luns 21 de agosto con entrada libre. A peza é unha parodia das películas de aventuras en África producidas en Hollywood na década dos 50, ao tempo que convida a perservar o medio natural e a vida. Quatermain, un cazador contratado por un magnate estadounidense debe atopar as lendarias minas do rei Salomón e para iso emprende unha viaxe na que non faltan os avións de hélices, as loitas con feras e o encontro co mismísimo Tarzán.

Outras propostas son a estrea da serie de animación Bechos ou o concerto familiar de A Gramola Gominola.

A música galega soará en Castelo

O Castelo Conta programa cada día un concerto: Xabier Díaz, Susana Seivane, Belem Tajes, Familia Caamagno, Xoel López e O Combo Viramundo, Muchachito, Lamatumbá, Salamandra… e ata unha sesión vermú con ritmo cubano e sesións tardías con dj’s.

Para os eventos de pago, as entradas para o Castelo Conta están á venda en casteloconta.gal e nos puntos de venda físicos do festival: na nosa oficina de Ainé (A Coruña), Q! Impresión (O Burgo) ou no Local Social de Castelo.

Artigos relacionados