O espectáculo será a peza central do 40.º aniversario do CDG e estará no Salón Teatro de Santiago ata o 26 de maio.
O Centro Dramático Galego estreará Os actos e as profecías este xoves 11 de abril no Salón Teatro de Santiago, onde hai previstas 48 funcións ata o 26 de maio. O espectáculo será a produción central do 40.º aniversario da compañía e contará cun total de 20 intérpretes para dar vida a unha proposta dirixida por Tamara Canosa, con dramaturxia dela mesma e de Xacio Baño.
A peza, que se enmarca no proxecto europeo Phōnē para a posta en valor das linguas minorizadas a través do teatro, ten como punto de partida o mundo dos talent shows e lanza ao aire cuestións como o lugar do público na creación, a fama, a competición e as decisións vitais marcadas pola procura do éxito. A directora Tamara Canosa sinalou que estes espectáculos televisivos “conteñen moitas fendas vitais con potencialidade para amosar os puntos de fricción entre a vida e os soños”.
O elenco de Os actos e as profecías está composto por Sergio Abelaira, Marta Alonso Tejada, Mónica Camaño, Miguel Canalejo, Isolda Comesaña, Manuel Cortés, Antón Coucheiro Cou, Iván Davila, Raquel Espada, Xosé Manuel Esperante, Alba Fernández Cotelo, Sara Ferro, Atenea García, Miguel Gendre, Raquel Nogueira Watson, Alba Recondo, Ana Santos Maneiro, Lois Soaxe, Jorge Varandela e Antía Vidal.
O espazo escénico é deseño de José Faro, quen tamén asina a iluminación xunto con Iván Núñez Casal. Montse Piñeiro e Marta Ferrer son as responsables de vestiario e caracterización; Rut Balbís ocúpase do traballo de movemento; Xosé Lois Romero do espazo sonoro e Laura Míguez é a axudante de dirección.