A 33ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro acollerá o vindeiro sábado 5 de outubro, ás 20.00 horas, a estrea absoluta de Mulleres que viven soas #MQVS, unha coprodución da compañía teatral Berrobambán e do propio FIOT.
Este proxecto enmárcase dentro dos dous eixos principais do festival, a narración oral e a temática feminina e forma parte dos 36 espectáculos que celebrará o festival durante este mes de outubro. As entradas xa están esgotadas.
Paula Carballeira, María da Pontragha e Vero Rilo, tres das contadoras de historias máis relevantes do país, serán as encargadas de dar voz e corpo a tres personaxes femininas de ficción, as tres bruxas de Macbeth na peza de Shakespeare. Tres mulleres que encarnan os males deste mundo, pero que nos serven de referencia para rirnos da diferencia entre como nos ven e como nos sentimos nós mesmos.
Estas “irmás fatídicas” serán, nesta ocasión, as protagonistas desta comedia que ten orixe nunha sesión de contos de Paula Carballeira e que, posteriormente, medrou cunha serie radiofónica de dez episodios que recollía experiencias e retratos íntimos femininos. Paula, ademais de ser unha actriz consolidada e Xograresa de Outono do FIOT, tamén é escritora de éxito e no 2023 foi galardoada co Premio Nacional de Literatura Dramática.
Aínda que estas bruxas na obra orixinal representan o mal, a oscuridade, o caos e o conflicto, agora a súa historia convértese nunha comedia híbrida entre o teatro documental, a standup comedy e o teatro isabelino. A obra está dirixida por Chiqui Pereira e Nuria Sanz, mais á fronte da escenografía está Montse Piñeiro.