O Castelo Conta inclúe na súa programación este obradoiro dirixido a actrices e actores, creadoras, responsables de dirección e persoas interesadas na creación escénica.
Noemi Rodríguez, actriz e directora coñecida por dirixir obras como Man up. La distancia ou Blast, todas elas producidas polo Centro Dramático Nacional, e que xa visitou o Castelo Conta o ano pasado xunto á súa irmá Darlene Rodríguez con Hoy puede ser mi gran noche, impartirá nesta edición do Castelo Conta o obradoiro ‘Fai o teu’.
Neste obradoiro, os participantes terán a oportunidade de traballar e aprender durante cinco días os mecanismos axeitados para levar a escena as súas ideas, revitalizando o desexo creador, aprendendo técnicas interpretativas e creativas e desenvolvendo a capacidade de xogo, imaxinación e intuición artística.
Os participantes poderán vivir un proceso de creación exprés, traballando cos materiais que os conmovan e obsesionen profundamente. “Ao falar de materiais referímonos aos temas, preguntas, imaxes, lembranzas, conceptos, historias, referentes, etc. que inspiran e provocan tanto a nosa imaxinación como a nosa vitalidade creadora”, apunta Noemi Rodríguez.
Nun contexto de colaboración e xogo, o obradoiro traballará cos artistas unha serie de disparadores temáticos e ferramentas de composición escénica, que facilitarán a posta en pé daquilo que está pedindo nacer dentro de cada un, explorando distintos xéneros e formatos para retar e ordenar as ideas iniciais. Ao longo dos cinco días, as persoas participantes desenvolverán diversas pezas breves baseadas nas súas inquedanzas.
‘Fai o teu’ desenvolverase do luns 21 ao venres 25 de agosto, en horario de 9.30 a 13.30 horas, no Centro Social Xente Nova de Tabeaio, en Carral. A matrícula para ‘Fai o teu’ pode realizarse na web do festival.