Fóra do drama #10 · César Cambeiro

O noso cuestionario chega a César Cambiero logo de que Humy Donado o seleccionase como seguinte elo da cadea. O actor responde ao Fóra do drama.

César Cambeiro (Carnota, 1958) é actor e actor de dobraxe. Leva máis de 30 anos sobre as táboas galegas, onde puidemos velo recentemente na montaxe do Centro Dramático Galego A peste. Ao longo da súa ampla carreira, o actor que ía para mariño mercante puidémolo ver en multitude de series e longametraxes mais hoxe toca saber un chisco máis del co noso Fóra do drama

  1. A miña sobremesa favorita é… Esta temporada ando a Kefir con figos ou arandos, mel e lecitina de soia, ou noces, ou lévedo de cervexa. Iso, a falta de sorbete de limón. E se a conversa se presta e alimenta é fácil que caía torta xeada mollada en licor café.
  1. A rutina que máis odio é… As festas obrigadas polo calendario. Foron amigas miñas de toda a vida pero agora sufrimos un distanciamento que nos fai irreconciliables. E creo que chegamos a un punto de non retorno.
  1. Unha obra que me impactou foi… ‘El amor de Don Perlimpín con Belisa en su jardín’, con Héctor Alterio como Perlimpín, pola súa sensibilidade, delicadeza e dinamismo. ‘Commedia’, de Carlo Goldoni por Cándico Pazó. ‘A lingua das bolboretas’ na posta en escena dun grupo italiano, polos mesmos motivos. Unha versión de ‘Xulio César’, por un grupo de Madrid, pola súa orixinalidade… Ui! Dixen catro! Agora xa está, xa paro.
  1. O meu nome favorito é… Paz. Aínda que para una persoa tamén pode valer CATARINA. Que bonito!
  1. A felicidade é para min… A Paz. Pero, como é una quimera, confórmome coa voz e as risas da miña neta polas mañás.
  1. Se non me dedicara a isto, sería… Posiblemente mariño mercante. Aínda que a nada que soubese afinar sería cantante. Iso que últimamente ándame na cabeza meterme maquinista da Renfe.
  1. Dos meus inimigos quero… Fidelidade. Que o sigan sendo. Estou orgulloso deles.
  1. Hoxe levo nos petos… Bolígrafo, papel, pano, unas moedas e gafas de sol.
  1. Quero que reciba este cuestionario… Roberto Leal.

Artigos relacionados