Fóra do drama #15 · Camila Bossa

O Fóra do drama deste mes chega á actriz Camila Bossa, con María Tasende como remitente, e coa misión de seguir a cadea do noso cuestionario mensual.

Camila Bossa (Bogotá, 1973) ten unha ampla traxectoria en televisión, cine e teatro. Destacou en series como Mareas Vivas, As Leis de Celavella, Serramoura, ou Matalobos, gañando con esta última dous Premios Mestre Mateo á mellor interpretación feminina de reparto. Sobre as táboas, Run Baby Run (Teatro Español) e Testosterona (Malasombra Producións), con Luis Iglesia, son os seus últimos traballos.

  1. A miña sobremesa favorita é… Multitude! Porque desfruto moito dese momento: a sobremesa. Diría que sempre triunfaría algún postre con chocolate negro ou froitas vermellas. Ou unha boa torta de Santiago, ben cargada de améndoa. Ou bica… Pero que non sexan moi doces e, a poder ser, pouco tema de natas, cremas, merengues… E se sobra viño tinto da comida, acabalo nese momento. Maridando doce e viño. Encántame.
  1. A rutina que máis odio é… Burocracia! Unha criptonita para calquera ser humano. Pesadez, esperas, cousas absurdas, repetitivas e codificadas… En definitiva, perder moito tempo de vida e paciencia. Tampouco me agrada lavar obxectos sucios de graxa ou aceite.
  1. Unha obra que me impactou foi… Pois moitas, pero así, indo á memoria recente… ‘Prostitución’, de Andrés Lima con tres señoras actrices enriba do escenario. ‘Prima facie’, impresionante texto e magnífica interpretación de Victoria Luengo… ‘El minuto del payaso’, unha marabilla de homenaxe a esta profesión co incomparable Luis Bermejo. E, recentemente, ‘Casting Lear’, de Andrea Jiménez xunto a un actor sempre diferente. Brutal! E o magnético e envolvente universo de Marta Pazos en ‘Juana de Arco’. 
  1. O meu nome favorito é… Depende para que. Son moi de pensar nomes para personaxes cando escribo. Pero nunca tiven nomes preferidos, así, en plan “este é o top”. Podería dicir que a moita xente véxolle cara doutro nome diferente ao que lle puxeron. Pero cústame decidirme por un. Para dicir un escollo o da miña sobriña máis pequena: Antonella. Rotundo e cheo de personalidade.
  1. A felicidade é para min… É un concepto que flutúa ao longo da vida pero que creo que, cada vez, logro detectar máis cando ocorre. Ou iso intento! É como ver un diamante no medio da area. É gozar de cousas que xa están e moitas veces, non vemos. Desde a natureza (miro sempre ao ceo, amo as nubes, os atardeceres e as estrelas), a boa compañía de seres queridos, rir ata chorar, comer e beber rico, bailar, o mar, ver arte, observar ás persoas en calquera parte… Sempre estarei agradecida aos meus pais por regalarme unha visión disfrutona da vida. Estar no momento presente.
  1. Se non me dedicase a isto, sería… Creo que algo relacionado coa imaxe, coa arte, a ilustración, a fotografía, a escritura e a publicidade. Ou coa edición de revistas de moda, arte, decoración… Desfruto moito da fotografía. Na miña cabeza vexo fotos en multitude de lugares e momentos. As veces consigo atrapar algo parecido ao que observaba coa cámara do móbil. Para estas ocasións recoñezo que poder levar unha cámara na man é un gran invento. Tamén vexo películas en todas partes, pero iso resulta máis complexo de conseguir.
  1. Dos meus inimigos quero… Pois espero non ter moitos… pero como se di, habelos, hainos. Pediría que me esquezan pronto e se aburran de min. Odiar cansa, así que querería que descansaran, que non me deran importancia e dedicasen ese tempo a cousas máis interesantes.
  1. Hoxe levo nos petos…  Dous aneis que saquei para fregar os pratos despois de comer. Unha goma do pelo e un papel coa lista da compra.
  1. Quero que reciba este cuestionario… A actriz luguesa Alba Loureiro.

Artigos relacionados

Fóra do drama #14 · María Tasende

María Tasende (Carballo, 1977) é actriz. Leva máis de vinte anos actuando en televisión, cine e teatro. Por razóns de traballo a súa vida pasa entre Madrid e Galicia, aínda que cando está fóra sempre quere volver.