Fóra do drama #14 · María Tasende

Continuamos coñecendo aos protagonistas do sector da interpretación e das artes escénicas galegas co noso cuestionario Fóra do drama. Desta volta, a actriz María Tasende recíbeo da súa compañeira Paloma Otero.

María Tasende (Carballo, 1977) é actriz. Leva máis de vinte anos actuando en televisión, cine e teatro. Por razóns de traballo a súa vida pasa entre Madrid e Galicia, aínda que cando está fóra sempre quere volver.

  1. A miña sobremesa favorita é… O flan de café. Encántame o sabor do café. Ademais axúdame coa dixestión. Gústame tanto que incluso cando non o ofrecen no menú dos postres, eu, por se acaso, pregunto: “E flan de café non teredes?”. A esperanza é o último que se perde. E algunha que outra vez levei a sorpresa de que si o tivesen.
  1. A rutina que máis odio é… Buscar cousas dentro do bolso. E tódolos días toca buscar nel varias veces. Nunca atopo o que busco. Ademais non me gusta nada ir cargada. Encantaríame levar unha especie de cuncha de tartaruga con todas as cousas dentro e poder pedir por un micro o que quero que saia.
  1. Unha obra que me impactou foi… Obras que me impactaran houbo moitas, como por exemplo ‘La voluntad de creer’ de Messiez, ‘La ternura’ de Sanzol ou ‘Incendios’ de Mario Gas. Pero a última que vin e que me impactou foi ‘Casting Lear’, de Andrea Jiménez. Tanto no teatro como no cinema, gústame que como espectadora se me xere a dúbida sobre o que é real e o que é ficción. Nese sentido, síntome especialmente atraída polas autoficcións e pola non ficción que mestura elementos ficcionados. 
  1. O meu nome favorito é… Depende para que ou para quen. Para un can ou unha cadela gústame LOBO ou LOBA. Para unha nena gústame PETRA. E para un neno gústame PAU. Teño moitas listas de nomes. Tamén para posibles títulos de películas ou obras de teatro, para bares, para casas… etc. Teño moitos máis nomes pensados dos que poderei empregar en toda a miña vida. Podería dedicarme a vendelos: “Ola, son María e vendo nomes”.
  1. A felicidade é para min… En plan práctico: unha masaxe incrible de corpo enteiro, ao aire libre nun entorno natural, con calorciño no ambiente e, despois, tomar un cóctel nese mesmo lugar. Escoitando os sons da natureza. En plan máis filosófico, a felicidade para min creo que ten que ver coa concentración. Con estar presente no momento. Cando fago calquera cousa concentrada, síntome bastante feliz. Xa sexa estar de cea con seres queridos, de conversa cunha amiga, pintando, vendo unha peli ou un partido de tenis, facendo unha camiñada ou viaxando con amigos, lendo… En fin, calquera cousa que faga manténdome concentrada nese momento. A mala noticia é que teño tendencia á dispersión…
  1. Se non me dedicase a isto, sería… Unha bióloga que traballase na recuperación de animais en perigo de extinción. Encantaríame ser unha Jane Goodall da vida. Aínda que creo que tamén podería ser rica estupenda. E dedicarme a facer actividades ou o que me viñese en gana todo o día. Ir a clases de pintura, de escritura, de idiomas, de baile, ver exposicións, invitar amigos a ir de viaxe, ir a concertazos, ao teatro, ao cinema, ir comer ou cear por aí a sitios estupendos. Non tería problemas de aburrirme.
  1. Dos meus inimigos quero… Creo que non teño inimigos así de forma aberta. Ou que eu saiba polo menos. Pero se os teño ou tivese querería que me ignorasen como eu a eles.
  1. Hoxe levo nos petos…  Oh! Hoxe lévoos baleiros. É raro. Normalmente levo cousas. Dáme algo de medo dicir que “teño os petos baleiros”. O bo supoño que é que teño espazo libre para enchelos..
  1. Quero que reciba este cuestionario… Camila Bossa.

Artigos relacionados