O noso cuestionario chega a Roberto Leal logo de ser seleccionado por César Cambeiro. O actor responde ao Fóra do drama para seguir coñecendo mellor algúns dos nomes das artes escénicas galegas.
Roberto Leal Jiménez (Bos Aires, 1956) é un actor, director e profesor de teatro cunha traxectoria marcada polo teatro como fonte de salvación e vida. Nado na Arxentina, fillo de exiliados da Guerra Civil, comezou na escena con quince anos e fixo carreira tanto en América como en Europa. Tras un breve paso por Madrid, estableceuse en Santiago de Compostela no 1990, onde segue a impartir clases de teatro e traballar en múltiples producións. Despois dunha longa carreira, o teatro segue sendo o motor da súa vida.
- A miña sobremesa favorita é… Queixo e marmelo, sen dúbida. Un clásico. Tamén da miña outra patria, alí chámase “Postre Vigilante” (“vigilante” é unha forma de nomear á policía). E tamén panqueques con doce de leite (ou sexa, filloas).
- A rutina que máis odio é… Meditar polas noites. Pola mañá non teño problema, pola noite é una tortura, pero mándame o meu psicólogo….
- Unha obra que me impactou foi… ‘As bruxas de Salem’ de Arthur Miller, dirixida por Agustín Allezzo con Alfredo Alcón. Ano 1972, Teatro Blanca Podestá, Bos Aires. Tamén ‘Los Verdes campos del Edén’ de Antonio Gala con Lola Membrives do 1965.
- O meu nome favorito é… Juan ou José. Nomes simples.
- A felicidade é para min… Emocionarme con calquera cousa que me impresione, afecte ou entusiasme; una boa comida con xente que quero e que goce da comida coma min; un acto de xusticia (ficción ou non ficción).
- Se non me dedicara a isto, sería… Seguramente cantante moi sobreactuado de boleros, tangos e rancheras.
- Dos meus inimigos quero… Esquecelos e que non me fagan ser rancoroso, cousa que son dabondo.
- Hoxe levo nos petos… Billeteiras, móbil, chaves da casa, e “Cosmopor E “ estéril, para tapar os puntos da operación de brazo que tiven por caer nos ensaios de ‘Terceiro acto’ no CDG.
- Quero que reciba este cuestionario… Inés Salvado.