Chegamos á primeira ducia do noso cuestionario, que arrincaba fai doce meses con Lucía Veiga. Desta volta tócalle responder o Fóra do drama a Inés Salvado Gontad, a quen lle chegou de Roberto Leal.
Inés Salvado Gontad (Santiago de Compostela, 1987) é actriz e cantante case desde que naceu. Divide o seu tempo entre os teatros e os escenarios e ultimamente tamén podemos vela detrás dos focos, en labores de dirección. Hoxe coñecemos mellor algunha das súas teimas e gustos no Fóra do drama.
- A miña sobremesa favorita é… As ostras. Os meus amigos poden dar fe. Non son de doces, así que se teño oportunidade de pedir algo ben salgado de sobremesa, mellor. E se poden ser ostras, marabilloso.
- A rutina que máis odio é… Non odio nada da miña rutina, por sorte. Pero o certo é que cada vez que teño que pasar a aspiradora, mellor que non me fale ninguén. Aspiradora igual a violencia.
- Unha obra que me impactou foi… ‘Sem palavras’ de Marcio Abreu, Companhia Brasileira de Teatro. Un descubrimento para min do FITEI 2024, no Porto. Realmente foi a experiencia completa de facer un obradoiro con Marcio Abreu, o director, e posteriormente ver a sua obra. Corpos relatando desexos, reflexións, pensamentos con e sen palabras, que falan de amor, violencia, consumo… Admirable e inspiradora.
- O meu nome favorito é… Penélope e Salomé, así xuntos.
- A felicidade é para min… A paz mental. E un ataque de risa imparable.
- Se non me dedicara a isto, sería… Bailarina. O movemento do corpo paréceme unha materia infinita de exploración. Investigar co meu corpo encántame, e xa contemplar os outros corpos é unha fantasía.
- Dos meus inimigos quero… Que se retiren a facer unha peregrinaxe de corenta anos, fumen moita herba e dancen espidos polas montañas.
- Hoxe levo nos petos… Pelos das gatas, algo de area e un tícket da óptica de San Pedro cun chicle para tirar no lixo.
- Quero que reciba este cuestionario… Paloma Otero.