Inauguramos o segundo ano do Fóra do drama coa actriz Paloma Otero, quen contesta o cuestionario que lle pasou Inés Salvado Gontad.
Paloma Otero (A Coruña, 1987) é actriz, produtora, guionista e docente. Leva actuando desde moi nova en televisión, cinema, publicidade e teatro. Neste tempo de Nadal atópase rematando os ensaios de A burra, a mesa e o pau, o próximo espectáculo do Centro Dramático Galego e, a piques de dar a luz, reponde o Fóra do drama.
- A miña sobremesa favorita é… Agora mesmo e de maneira sorpresiva para min, as mazás. Pero ten que ser un tipo de mazá moi concreto do cal non lembro o nome e que que merco nunha tenda local de Santa Cruz (vou expresamente mercalas e levo dúas bolsas enormes). Deume esta obsesión durante todo o embarazo. Ás veces descúbrome salivando con elas, algo que xamais tería imaxinado. Tamén todo o que leve chocolate, sandía, piña ou manga.
- A rutina que máis odio é… Ultimamente na miña vida houbo tantos xiros de guión inesperados que non hai un día igual a outro. Pero supoño que así en xeral levo moi mal madrugar cando non é por unha gran motivación, como este mes de novembro onde tiven que facelo para os ensaios do CDG. Non puiden ser máis feliz aínda que me erguera ás 7 da mañá estando de 8 meses.
- Unha obra que me impactou foi… a última que vin, ‘Prima Facie’, onde a actriz Victoria Luengo está inmensa ela soa sobre o escenario. Rin e chorei a mares con ‘Hoy puede ser mi gran noche’, de Noemi Rodríguez, ‘El minuto del Payaso’ de Luis Bermejo y Fernando Soto deume á volta á cabeza no seu día e ‘La Infamia’, de José Martret cun texto de Lydia Cacho non a podo esquecer.
- O meu nome favorito é… o nome que lle quero poñer ao meu fillo, pero como aínda teño que convencer ao pai, non o vou dicir para non poñer máis presión.
- A felicidade é para min… é algo sobre o que penso moito ultimamente… Creo que cheguei á conclusión de que a felicidade é para min principalmente sentimento de pertenza e de tribo. Son moi mamífera e encántame compartir a miña vida no máis básico: comer, cociñar, dormir… nada me fai máis feliz que sentir a calor e o amor doutras persoas e coidar os meus vencellos.
E por suposto, facer cousas arriscadas como ir cantar cunha amiga á sala Mardi Gras o día no que saio de contas. Fascíname poñerme en situacións imprevisibles.
- Se non me dedicara a isto, sería… a verdade é que pola necesidade de buscar as fabas por outros lados, xa me dedico a moitas cousas que sempre me atraeron: son profesora de artes plásticas e visuais, teño unha pequena produtora —La Vikinga Producciones—, fun representante de actores, axudante de cásting…
Penso que me gustaría ter sido matroa pero no fondo, sendo sincera, encantaríame ser detective privada ou cobradora do morosos. O preocupante é que creo que o faría xenial, moito mellor que ser actriz.
- Dos meus inimigos quero… Tes que “curralo” moitísimo para ser o meu inimigo, pero se chegas a ese extremo, quero que esteas o máis lonxe posible da miña vida. Iso si, sempre serán de gran inspiración á hora de crear historias para os meus guións.
- Hoxe levo nos petos… Buf, de todo: barras de beizos de cores diversas, pastillas soltas de Almax, pinzas para o cabelo, sobres de azucre moreno caducados e multas da ORA (fago unha colección).
- Quero que reciba este cuestionario… María Tasende.