Empezamos o 2024 coñecendo outro dos nomes do noso sector: Xoel Fernández, quen recibe este cuestionario da man de Evaristo Calvo. O actor lalinense contesta o noso cuestionario para coñecer máis sobre un intérprete con traballos no cine, televisión e teatro.
Xoel Fernández (Lalin, 1979) comezou detrás das cámaras logo de formarse como realizador, mais non tardou en poñerse diante delas en traballos diversos. Entre eles a longametraxe ‘Quien a hierro mata’ ou as series ‘Serramoura’, ‘Vivir sen permiso’ ou ‘Fariña’, que combinou con outros sobre os escenarios. Precisamente para levar adiante proxectos teatrais fundou Bágoa Producciones no 2017, a súa propia produtora xunto con Margo Rivas. Desta volta responderá o Fóra do drama…
- A miña sobremesa favorita é… no verán, despois da comida no xardín coa familia e amizades, coa tarde por diante e ningunha presa, e con algún doce caseiro no que seguir ‘espinicando’ toda a tarde.
- A rutina que máis odio é… facer os trimestres de contabilidade. O propósito para o 2024 é ir facendo os deberes cada semana para que non se acumule, hahaha.
- Unha obra que me impactou foi… cando era un mozo, tería 17 anos, vin na Foliada de Lalín unha obra de ‘Mofa e Befa’. Quedei abraiado e por primeira vez pensei que me gustaría ser cómico, como eran Víctor Mosquera e Evaristo Calvo, os integrantes daquel dúo, e mira ti que hoxe fago de fillo do segundo na serie de TVG ‘Ghuassap’, se mo din daquela…
- O meu nome favorito é… o que se refire a calquera das persoas que quero.
- A felicidade é para min… deitarte con ganas de que sexa mañá.
- Se non me dedicara a isto, sería… outra persoa e só ela podería responder a iso. Teño actividades en paralelo a este oficio, nas que tamén desfruto moito, pero cústame imaxinar non actuar.
- Dos meus inimigos quero… que saiban que respecto que o sexan.
- Hoxe levo nos petos… as mans metidas nas luvas, fai un frío que pela en Zaragoza.
- Quero que reciba este cuestionario… Marta Costa.