Continuamos coñecendo as voces do noso sector e descubrindo cales son as rutinas que máis odian ou os seus nomes favoritos. Desta volta tocoulle á actriz Marta Costa, natural de Cambados que comeza a sumar traballos no mundo da interpretación.
Marta Costa (Cambados, 2004) estuda Comunicación Audiovisual na Coruña mentres comeza a pisar forte diante das cámaras. Este mesmo ano verá a luz unha serie de Netflix na que vén de participar. Polo de agora xa se puxo fronte aos ollos do público na serie ‘Ghuasapp’, dispoñible en AGalega e onde comparte reparto con outros nomes ben coñecidos como María Mera ou Xoel Fernández, de quen recibe este Fóra do drama que agora lle toca contestar…
- A miña sobremesa favorita é… a comida é o de menos, eu dou máis importancia á compañía. Nada desfruto máis que unha sobremesa de Nadal coa miña familia, rindo ata tarde e co meu tío Jaime contando chistes ata que caemos rendidos. Son dos mellores recordos da miña vida e quedan aínda moitas noites así por vivir.
- A rutina que máis odio é… as clases pola tarde. Se madrugar custaba, máis complicado é poñer rumbo á universidade despois de comer!
- Unha obra que me impactou foi… ‘La casa de Bernarda Alba’. Este mes deille outra oportunidade tras non tela disfrutado no instituto. Foi un reencontro máxico e unha reconciliación moi necesaria con Lorca despois de pelexarme con el na selectividade.
- O meu nome favorito é… o meu pronunciado polos meus seres queridos.
- A felicidade é para min… unha noite de verán cos meus amigos.
- Se non me dedicara a isto, sería… unha persoa, de seguro, completamente distinta. Este oficio non se despega de ti cando chegas a casa, senón que se incrusta en cada parte da túa pel. É inentendible unha Marta sen a súa paixón pola arte e por iso non podo imaxinarme que sería de min sen este motor.
- Dos meus inimigos quero… que o sexan con liberdade, pero non sen antes coñecerme.
- Hoxe levo nos petos… papeis varios dos que acumulas sen sentido e que sorrís cando os atopas meses despois.
- Quero que reciba este cuestionario… Fernando Tato.