Seguimos a voltas co noso cuestionario Fóra do drama para coñecer máis e mellor as voces das nosas táboas. Agora contesta a actriz María Roja, que recibe estas preguntas da man do monologuista e tamén actor Pepo Suevos.
María Roja (Lugo, 1982) é actriz e artista visual con gusto pola performance e a creación escénica. No audiovisual témola visto en traballos como Dalia, a modista, Serramoura ou Método Criminal, mais tamén no teatro en adaptacións recentes como Entrega en man ou A Peste, sendo galardonada por esta última como Mellor Actriz Secundaria nos últimos Premios María Casares. Desta volta tocoulle responder o noso Fóra do drama…
- A miña sobremesa favorita é… mentres agardo polas cereixas do verán, o pan con queixo. Nas festas de gardar, os alfajores de maicena (no seu defecto, calquera cousa á que lle aqueza ben o doce de leite). E podendo ser, compartindo culleriña coas amigas.
- A rutina que máis odio é… madrugar, que invento máis malo.
- Unha obra que me impactou foi… ‘La casa de la fuerza’, de Angélica Lidell, na posta en escena da propia autora.
- O meu nome favorito é… Sabina. É polo que responde unha das miñas personaxes de ficción favoritas, asinada por Milan Kundera.
- A felicidade é para min… non coñecer a guerra.
- Se non me dedicara a isto, sería… terrorista. Por sorte para os meus ósos, existe a arte como xeito de canalizar o berro, como modo efectivo de operar no mundo.
- Dos meus inimigos quero… intelixencia, ao menos.
- Hoxe levo nos petos… papeis esquecidos.
- Quero que reciba este cuestionario… outra María… a Costas…