A organización da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia deu a coñecer á gañadora do premio, que celebra a súa 18ª edición. As que limpan, de A Panadaría fíxose co premio do público na edición con maior afluencia de público da Mostra.
A actriz e docente lalinense obtén o premio coa súa primeira obra Manual de patronaxe. O Xurado do 18º Premio Abrente de Textos Teatrais, composto por Rocío González, Ana Abad de Larriva, Lois Blanco e Roberto Pascual, acordou por unanimidade, decretar como gañador o texto de Nerea Brey.
Na acta de concesión do premio, o xurado destaca que é “unha obra con apariencia e ferramentas da autoficción, ben elaborada, estruturada e coherente, que contén o equilibrio e capacidade necesarias para enfiar con atino o íntimo co profesional, entre dous planos que conforman un suxerente diálogo interxeracional”.
A obra mestura temas universais como a perda e a busca da identidade, o amor e os xogos ou tarefas da costura, que lle serven para enlazar este oficio co universo da escrita. A autora amosa a capacidade para elaborar unha obra aparentemente sinxela pero con potencia para emocionar, grazas ás capas de verdade e honestidade coas que se manexa para a recepción co público actual.