Nova Galega de Danza leva á Coruña unha antoloxía que reúne tres das súas pezas máis recentes

Outros

A compañía, baixo a dirección artística de Jaime Pablo Díaz,  bota o pano da celebración do seu 20 aniversario -iniciada a finais de 2023- con tres noites seguidas no Teatro Colón da Coruña. Do 17 ao 19 de xaneiro, poderán verse as pezas de danza LeiraBerro e Dique.  

A compañía Nova Galega de Danza, baixo a dirección artística de Jaime Pablo Díaz, desembarca na Coruña este mes de xaneiro para presentar no Teatro Colón unha antoloxía con tres das súas pezas máis celebradas e recentes: LeiraBerro e Dique. Nesta Antoloxía de Nova Galega de Danza, a muller toma centro do escenario nunha viaxe a través da terra, a raíz, a memoria, a tradición, a resiliencia, o empoderamento e a fortaleza. Serán tres noites nunha mesma fin de semana na cidade herculina que, de seguro, pasarán a formar parte da historia da danza na Coruña. Con esta iniciativa, que é posible grazas á colaboración da Deputación da Coruña, a compañía botará o pano da celebración do seu 20 aniversario, iniciada a finais de 2023.

As entradas para a iniciativa son de balde  ata completar a capacidade da sala, coa retirada previa dos convites para cada un dos tres espectáculos a través da plataforma Ataquilla desde este xoves, 19 de decembro, ás 12.00h.

Estes son os espectáculos que se poderán ver no Teatro Colón da Coruña

Leira · Venres 17 de xaneiro, 20.00h
Leira é a alegría sinxela do traballo feito coas mans. Foto: Xan Domínguez

O corpo e a terra estreitan os seus lazos nun espectáculo de danza e música que nos transporta á dura beleza dos labores do campo. A muller no centro desta conexión telúrica. Día e noite, xornada tras xornada, repetida nunha sucesión inesgotable de estacións. O sol e a choiva, o vento xeado, crúas paisaxes de intemperie, habitadas unicamente por unha coreografía humana de apeiro de labranza, de corpos que cargan e arrastran, que danzan entre os surcos arados na terra. Pero Leira é tamén a sinxela alegría do traballo feito coas mans, coa valentía do corpo a corpo; é a celebración dunha Galicia intemporal e máxica. O espectáculo foi galardoado co Premio Max ao mellor intérprete masculino de danza -Iván Villar- en 2021, na XXIV edición dos premios, onde foi tamén finalista como mellor espectáculo de danza.

Berro · Sábado 18 de xaneiro, 20.00h
Dirixida por Sharon Fridman, Berro foi o segundo dos espectáculos do XX aniversario de NGD. Foto: Álbaro Arribi

Berro representa o baleiro que supón ser individuos sós e illados nunha sociedade sen memoria, que debe procurar o movemento que lle lembre o seu pasado. Nunha viaxe que conecta os estados emocionais, a peza amosa a importancia de recuperar esa esencia ancestral -a tradición, a terra, a raíz, a familia e a casa- a través da experiencia colectiva, sentindo a transformación na expresión do corpo.

Dique · Domingo 19 de xaneiro, 20.00h
Dique recupera a loita das traballadoras do Dique da Campá de Ferrol. Foto: Vanessa Rábade.

Dique nace do desexo do director artístico de Nova Galega de Danza, Jaime Pablo Díaz, de recuperar unha historia esquecida. É un espectáculo arredor da memoria local, con raíces no Ferrol natal de Nova Galega de Danza. Unha creación de homenaxe e de reflexión actual a partir da historia. Unha peza universal que fusiona o baile tradicional e a linguaxe contemporánea, característica que desde sempre forma parte da identidade da compañía.

Poucas persoas saben que a obra de enxeñería hidráulica máis importante do século XIX en España foi escavada por mulleres. Entre 1874 e 1879 executouse a construción do Dique da Campá de Ferrol. Alí, un total de 200 mulleres retiraron 245.000 metros cúbicos de terra e pedras que transportaron en 11.600.000 cestos sobre as súas cabezas -58.000 cada unha delas-. Eran “as estibadoras”. E, polo mesmo traballo, cobraban menos ca os homes.

No 150 aniversario do inicio da súa construción, Nova Galega de Danza convidou á directora de escena Marta Pazos a realizar a súa homenaxe a aquela xesta. Dique pon en diálogo a danza contemporánea e a danza tradicional galega nunha conversa que reflicte a conexión entre o pasado e o presente. Un xogo de cores, texturas e contrastes sobe á escena para ofrecer un desafío visual único. A peza explora os límites da forza mentres o telúrico se apodera da escena. En Dique hai resistencia e esforzo, pero afloran, tamén, a delicadeza e o  lixeiro.

Artigos relacionados