O circo contemporáneo, o clown e as micro-escenas protagonizan o FIOT

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) propón unha cuarta fin de semana chea de diversidade escénica e a estrea en Galicia de Yo solo quiero irme a Francia, protagonizada por María Galiana.

Carballo continúa a ser o epicentro do teatro galego. O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) encara a súa cuarta fin de semana de programación cunha proposta tan diversa como coherente coa súa identidade: circo contemporáneo, clown, creación escénica e estreas que chegan por primeira vez a Galicia.

A cita arrancou onte 23 de outubro, con dobre actividade no Pazo da Cultura, e continuará mañá sábado 25. O Programa de Sala achegará unha das grandes citas desta edición: a estrea en Galicia de Yo solo quiero irme a Francia, producida por Contraproducións e protagonizada por María Galiana, Alicia Armenteros, Nieves de Medina e Anna Mayo. A función terá lugar ás 20.00 no Auditorio do Pazo da Cultura, e promete ser unha das máis destacadas do #FIOT34.

Antes da función, o público poderá gozar do “Café con…”, un encontro aberto co elenco e coa produtora, que se celebrará no Salón da TV do Pazo da Cultura ás 17.45. Será unha oportunidade para coñecer de preto o proceso creativo e a traxectoria das intérpretes, encabezadas pola veterana María Galiana.

O domingo 26, o FIOT despide a fin de semana con dúas propostas que resumen a súa esencia: innovación, proximidade e humor. O ciclo OTNI achegará ao Pazo da Cultura, ás 20.00, o espectáculo Masa madre, da Cía. CAÍ, unha creación poética que combina técnicas aéreas, teatro físico e texto para explorar o destino humano a través da linguaxe do circo contemporáneo.

Tamén o domingo, o FIOT en Ruta chegará ao Centro Social de Verdillo con Absurdia, da compañía The Momento Impro, unha peza de improvisación escénica cargada de humor absurdo e participación do público, programada para as 18.00.

A fin de semana incluirá ademais a clausura da VIII edición do Certame de Micro-Escenas M2, un dos formatos máis singulares do FIOT, que aposta por achegar o teatro a espazos non convencionais. O sábado 25, representaranse dúas novas creacións: Alicia Wants To, de Bengala Teatro Físico, e Gracias por su visita, de Uxía Algarra, con pases ás 12.00, 13.00, 17.30 e 18.30, tanto na Residencia de Maiores como no Pazo da Cultura.

En paralelo, o público poderá visitar as exposicións Zoom FIOT e Xesto, a instalación artística de Noelia Paz, abertas na Sala de Exposicións e no Andar -1 do Pazo da Cultura, respectivamente.

Con esta programación, o FIOT continúa a súa traxectoria como un espazo de encontro e de memoria viva da escena galega. O festival leva máis de tres décadas demostrando que o teatro, en Carballo, é máis que espectáculo: é comunidade, é lingua, é vida sobre as táboas.

As últimas entradas para as funcións desta fin de semana poden adquirirse en liña a través de Ataquilla.com ou na billeteira dos espazos o mesmo día da función, suxeito á dispoñibilidade.

Artigos relacionados