Do 26 de setembro ao 31 de outubro Carballo acollerá 36 espectáculos dos cales 8 son estreas absolutas. O programa desta edición achegará ao público textos de Shakespeare, Homero, Eurípedes ou Chéjov baixo un prisma contemporáneo. Durante cinco semanas, as táboas rúas e outros espacios non convencionais de Carballo acollerán un programa aberto a todos os públicos, formatos e sensibilidades. A programación inclúe actrices e actores de renome, varios premios nacionais e compañías con propostas diversas e de gran calidade escénica.
Este outono, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, reunirá de novo en Galicia algunhas das figuras máis imprescindibles da escena teatral contemporánea para celebrar a súa 33ª edición.
O FIOT porá o foco no concepto de revisión ou relectura contemporánea de obras clásicas, así como na vixencia dos clásicos e os grandes temas do teatro desde un punto de vista actual. Nesta nova edición, o festival persegue descubrir o enfoque que adopta hoxe un creador ou unha creadora sobre un tema ou unha creación escénica a partir doutra, dotándoa de identidade propia a través dun código narrativo contemporáneo, mais mantendo a súa esencia: o rescate dunha obra do pasado cunha perspectiva actual. Así, moitos dos espectáculos deste ano no FIOT remiten a autores ou obras clásicas, coa idea de lanzar unha reflexión global: o que no século XXI nos parece actual e propio, xa foi exposto no pasado e, aínda que cambien as circunstancias, os grandes conflitos ou problemas das persoas ou sociedades son indisolubles da condición humana. Desta reflexión nace o lema desta edición: Agora é sempre.
Este outono, por Carballo pasarán propostas como En mitad de tanto fuego, de Alberto Conejero; a versión 1 de Vania x Vania, de Teatro Kamikaze, dirixida por Pablo Remón e protagonizada por Javier Cámara, Israel Elejalde e Marta Nieto, entre outros; Los amigos de ellos dos, con Malena Alterio e David Lorente, baixo a batuta de Daniel Veronese; IRIBARNE, de ButacaZero, escrita e interpretada por Esther Carrodeguas; Las bingueras de Eurípides, das sempre interesantes Niñas de Cádiz, con dirección de José Troncoso; Casting Lear, de Andrea Jiménez; ou o desembarco en España dun dos grandes éxitos da carteleira arxentina das últimas tempadas: El brote, da Compañía Criolla.
Non faltará á cita a prestixiosa compañía galega Berrobambán, coa Premio Nacional de Literatura Dramática en 2023 Paula Carballeira, que presentan a estrea absoluta da peza coproducida polo FIOT Mulleres que viven soas #MQVS. Entre os creadores galegos, destacan tamén nomes como os de Paula Quintás, tamén cunha estrea absoluta, a de Multiperspectivas#3, ou Cándido Pazó e Evaristo Calvo, que encherán de historias a Rúa dos Contos, entre moitas outras figuras.
Como avanzou Alberto Sueiro, director do FIOT: “Pode que cambien os contextos, pero os temas que nos preocupan hoxe son os que o foron sempre, porque estes falan da humanidade. Así, neste FIOT, poñendo en valor os clásicos, obras inesgotables que permiten infinitas lecturas, seleccionamos propostas que se fixan en grandes autores de sempre que hoxe nos seguen interpelando”.
A programación completa pode consultarse na web do festival. Os bonos e entradas xa están á venda a través de Ataquilla para as persoas socias da Asociación Cultural Telón e Aparte, impulsora do FIOT. O público xeral poderá adquirir os seus bonos e entradas soltas a partir do 23 de setembro. Pola súa banda, os bonos e entradas da Rúa dos Contos estarán a disposición do público desde o día 16 de setembro.
Avelino González, Xograr de Outono
Este galardón, que pretende salientar a traxectoria de profesionais das artes escénicas galegas, entregarase en outubro durante a celebración da 33ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo.
As xograresas e xograreses do FIOT decidiron premiar ao actor e narrador Avelino González. No seu fallo, o xurado destacou que o premiado “representa as características dun auténtico xograr, pola diversidade artística do seu perfil, xa que Avelino é, ademais de actor, un pioneiro da narración oral e un dos narradores máis relevantes da nosa terra, así como un recoñecido tradutor”. Como o propio artista indica “son actor, contador, monologuista, tradutor; son… o que faga falta. Empecei nisto por casualidade e agora gústame, mesmo, picar entradas. Gústame entreter á xente con personaxes e historias que emocionen e divirtan, porque a min tamén me gusta que me emocionen e divirtan”.
O xurado remarcou, tamén, que Avelino González “é unha das personalidades máis carismáticas e queridas da cultura galega, cun espírito implicado e inquedo, apaixonado do teatro galego e moi coñecido e aplaudido polo público do FIOT e de Carballo, pola súa presenza habitual nos nosos escenarios, tanto no Auditorio do Pazo da Cultura como no antigo Cine Rega, da man de compañías como OllomolTranvía, Teatro do Aquí e Contraproduccións; e, tamén, da Rúa dos Contos do FIOT, cos seus espectáculos propios”.
Avelino González recollerá o seu galardón este outono en Carballo, durante a celebración da nova edición do FIOT, collendo o relevo da comunicadora cultural e escritora Ana Romaní, premiada en 2023.