O FIOT34 vive unha cuarta semana chea de emocións sobre as táboas

Chévere, Cándido Pazó, Gabriel Chamé Buendía, Needcompany, Alex O’Dogherty, Evaristo Calvo e a Compañía Nacional de Teatro Clásico protagonizan unha nova semana de programación do Festival Internacional Outono de Teatro.


A cuarta semana do FIOT34 chega con forza e diversidade, convertendo a Carballo nun punto de encontro entre artistas e públicos de distintas procedencias. Nos próximos días, o festival acollerá unha decena de espectáculos e actividades, reunindo en Carballo a nomes imprescindibles da escena galega, estatal e internacional. O Pazo da Cultura será un dos epicentros desta nova semana.

A programación arrinca hoxe, mércores 15 de outubro, ás 20.00 no Pazo da Cultura, cun encontro aberto da compañía Chévere, que da man de XRon conversará co público arredor do proceso de creación do seu novo espectáculo, Ictus, a derradeira leición. O xoves 16, tamén ás 20.00, o actor e dramaturgo Cándido Pazó presentará en aberto o seu libro Apaga o candil.

A fin de semana traerá tres citas destacadas dentro do Programa de Sala. O venres 17, ás 21.00, Gabriel Chamé Buendía revisita a comedia moral de Shakespeare en Medida por Medida (La culpa es tuya). O sábado 18, ás 20.00, a prestixiosa compañía belga Needcompany visita por primeira vez o festival con Un sublime error, un monólogo interpretado por Gonzalo Cunill. E o domingo 19, tamén ás 20.00, Lucas Escobedo únese á Compañía Nacional de Teatro Clásico en Farra, espectáculo gañador do Premio Max 2025 ao mellor espectáculo musical, que combina circo, teatro, música en directo, verso e tradición barroca.

Ese mesmo domingo, pola mañá, o público poderá coñecer de preto a proposta no Onda FIOT, onde terá lugar unha conversa aberta arredor de Farra que terá lugar o domingo 19 ás 12.30, no Pazo da Cultura, con entrada de balde a todas as persoas interesadas.

A Rúa dos Contos despedirase dos escenarios este 2025 con unha das figuras máis esperadas do seu programa: Alex O’Dogherty, que presentará Palabras mayores o sábado 18 ás 23.00, no Mercado Municipal. Ese mesmo día, o festival acollerá tamén novas funcións da VIII edición do Certame de Micro-Escenas M2, coa representación de O novo, de Dani Blanco, e Covers2, de Corifeo Teatro.

E para rematar, o domingo 19 ás 18.00, o FIOT en Ruta levará o teatro ao Serradoiro Eucatar de O Tarambollo, en Sofán, coa obra Mala vida e pior morte de Ricardo III, de P.T. Excéntricas, protagonizada por Evaristo Calvo. Paralelamente, o público pode visitar as exposicións Zoom FIOT e Xesto, a instalación artística de Noelia Paz.

As últimas entradas para as funcións desta semana están dispoñibles en liña a través de Ataquilla.com e tamén nas billeteiras dos espazos o mesmo día da función.

Artigos relacionados