En Castelo danlle outra volta á festa

A parroquia de Castelo, en Culleredo, celebra as súas festas no verán, como a maioría dos lugares de Galicia. A súa particularidade é que foron tornando nun festival no que a música, o teatro, a tradición oral e a cultura rural son os protagonistas. Facemos un repaso pola programación de artes escénicas do Castelo Conta.

Lonxe da programación estable das vilas e cidades, a parroquia de Castelo convértese durante unha semana no epicentro cultural da comarca, enchendo de música, contadas, cine, obradoiros… e artes escénicas case que as 24 horas do día. Polo Castelo Conta teñen pasado espectáculos de grande éxito e tamén outros de máis pequeno formato, se ben é certo que o humor é o denominador común de todos eles.

Dentro da programación do festival sempre se presta moita atención ao público máis novo, ofrecendo espectáculos para a cativada que convertan esa primeira experiencia teatral nun recordo fermoso que permita que, con sorte e o paso dos anos, esas nenas e nenos xa adolescentes, sigan a desfrutar das artes escénicas e teñan o hábito de asistir a espectáculos nos teatros, nas ferias ou nos festivais.

O público máis novo é unha das prioridades do festival. Foto: Aigi Boga

Comezamos cos espectáculos pensados para a cativada con Máis Saaabor! A segunda entrega dos peculiares chefs interpretados por Félix Rodríguez e Fran Rei. A súa primeira parte xa pasou polo festival e aínda se sinten as gargalladas a día de hoxe. Que mellor forma de comezar a programación que con cancións e receitas disparatadas?

Outro camión —este sen comida dentro— que chegará a Castelo será a Utópica Rodante. A bordo virá De Vilatriste a Vilalegre, o espectáculo de Teatro ó cubo e o CDG que está precorrendo Galicia enteira como parte dos actos de celebración do 40 aniversario do Centro Dramático Galego.

Tone Martínez e Alba Bermúdez nunha imaxe promocional de ‘Muiñada’. Foto: Urdime

Galeatro levará a súa Muiñada as aldeas de Castelo. Tone Martínez e Alba Bermúdez fan unha viaxe ao pasado para os nenos de hoxe. Unha viaxe que serve para coñecer de onde vimos e para non deixar morrer a memoria das nosas avoas e avós. Muiñada é tradición, é festa, é música e, sobre todo, teatro para toda a familia.

Unha das estreas absolutas do festival terá lugar o xoves 22. Castelo arre ou show é un espectáculo dirixido por Manuel Cortés composto por diferentes escenas cómicas interpretadas por: David Amor, Tamar Novas, David Perdomo, Isabel Garrido, Patricia Castrillón, Xosé A. Touriñán e o propio Cortés. Unha velada especial na que a Polideportiva de Castelo virará en sala de festas, cabaré ou o que toque nese momento. Unha oportunidade única de ver un espectáculo —neste caso dito de xeito literal— irrepetible.

Os participantes da pasada edición da noite de monólogos saúdan ao público. Foto Aigi Boga

O espectáculo sobre o que creceu o Castelo Conta é a súa noite de monólogos. O sábado 24, Castelo acolle aos mellores cómicos e cómicas do país nunha noite de música e comedia en directo na que nesta ocasión participarán Carlos Blanco, Lucía Veiga, David Perdomo, Isabel Risco, Federico Pérez, Oswaldo Digón, Marita Martínez, Pepo Suevos, Patricia Castrillón e Gari Garrido; Xosé A. Touriñán será o mestre de cerimonias e Galifunk os encargados da música.

O sábado, tamén ten lugar outra das actividades tradicionais do festival: a andaina que ten lugar polas distintas aldeas da parroquia. Nesta ocasión, os participantes desfrutarán das actuacións en diferentes puntos do percorrido dos contadores Celso Sanmartín e Marita Martínez.

Carlos Blanco actuando para os participantes da andaina na edición do 2022. Foto: Paula Correa

Así pois, Castelo terá un ano máis unha ampla oferta de comedia en directo para todos os públicos e, ademais, moitos máis espectáculos e actividades nunha localización espectácular ao pé do Monte Xalo. Como para perdelo!

Podes consultar toda a programación na páxina web do festival.

Artigos relacionados

O público que vén

Sumar público para o teatro galego é unha das grandes metas das nosas táboas. Repasamos a proposta do Castelo Conta para os espectadores primeirizos e para os que queren repetir.