Teatro Principal Eira Ferrador, Real Teatro Leira Himerio e outros espazos para deixar atrás a grandilocuencia

Por aquí non é acaído escribir xuramentos —ou cagamentos, que está aí no límite entre as palabras ben e as palabras mal—, polo que non podo recoller o que dixeron por aló, por Castelo, As fillas bravas de Momán. Estas tres mulleres, que trouxeron o espectáculo de Chévere ao Castelo Conta. Na eira da casa do Ferrador, dixeron e cantaron o que lles petou mentres tocaban a pandeireta, á vez que evidenciaban os roles de xénero e reivindicaban a igualdade. Foi unha gozada ver unha veciña da parroquia onde se fai o festival, duns oitenta anos e en primeira fila, escachando coa risa. Por detrás dela meniñas merendando e brincando cando xa era demasiado tempo sentadas. Tamén estaban aló rapazas coma min que medramos nun mundo no que as reivindicacións feministas estaban xa bastante presentes, e outras como as da xeración de miña nai criadas no franquismo que á vez criaron un futuro de cambios.

O teatro só é teatro cando hai un público que lle dá sentido; coa diversidade presente no Castelo Conta púidose facer unha enciclopedia de lecturas. De aí que todos os espectáculos que formaron parte do festival fosen inéditos malia non haber ningunha estrea, porque o contexto ao que se trouxeron deulles un novo significado á vez que a parroquia tamén se enriquecía deste intercambio.

Xosé A. Touriñán e Carlos Blanco durante Somos Criminais 3 no festival Castelo Conta de 2022
Foto: Aigi Boga

Un momento, que estou a mentir. Acabo de me decatar de que si houbo unha estrea, a da obra de teatro que preparou a cativada durante o campamento da Xente Miúda. Os máis pequenos tamén tiveron programación pensada para eles, Saaabor! ou Quixote. Con todo, Castelo Conta é un espazo para a convivencia de persoas de todas as idades, de sinerxías entre o rural e o urbano, de choque e enriquecemento entre tradición e modernidade. Precisamente no valor destes contrastes se asenta Somos Criminais 3, obra na que Xosé A. Touriñán e Carlos Blanco fan da idiosincrasia galega humor. A que foi a súa última representación do que resta de ano tivo unha asistencia de 1.200 persoas, aí é pouco. Xosé A. Touriñán e Carlos Blanco subiron ao escenario para facer rir a toda a veciñanza de Castelo. Trátase dun espectáculo que está comezando a xirar e que dá continuidade a Somos Criminais, o cal ostenta o récord de entradas vendidas da historia do teatro galego.

Noemi Rodríguez e Darlene Rodríguez nun momento de "Hoy puede ser mi gran noche" representado no festival Castelo Conta 2022
Foto: Aigi Boga

Outro dúo cómico que pasou pola parroquia de Castelo foi o das irmás Noemi e Darlene Rodríguez, fillas dun famoso cantante de orquestra da Galicia dos 90, dato significativo, pois arredor da figura do seu pai e da relación con el fala a obra. Ver Hoy puede ser mi gran noche foi cruzar pola risa frouxa un barranco de trauma. Moita música e autoficción nesta produción de Teatro En Vilo “baseada en feitos reais como as películas de Antena 3”, dirixida por unha muller (Andrea Jiménez) e protagonizada por outras dúas, que actuaron nun gran escenario instalado nunha leira, a de Himerio. Ringleiras de cadeiras, un bochinche para cear e beber, xente a moreas e o escenario; penso que me custaría recoñecer ese lugar unha mañá de normal.

Por aquí non podo escribir xuramentos pero podo xurar que Castelo Conta afasta as artes escénicas da tópica idea destas coma unha forma de entretemento refinado, de “alta cultura”. Achegar o teatro a unha parroquia rural de Culleredo poderíase pensar como “vangarda con raíces”. Pero máis ben é levar unha forma de contar reglada —máis accesible nas cidades e vilas— a un lugar onde impera a forma de contar de sempre, a da tradición oral; e esta, querido público, é a nai da cultura.

Artigos relacionados

O público que vén

Sumar público para o teatro galego é unha das grandes metas das nosas táboas. Repasamos a proposta do Castelo Conta para os espectadores primeirizos e para os que queren repetir.