O FIOT34 acollerá a estrea de Territorio Regueifa, unha homenaxe teatral a unha das artes máis singulares da tradición oral galega. Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira protagonizan este espectáculo que combina humor, música e improvisación, convidando o público a mergullarse nun patrimonio vivo que segue a medrar no século XXI.
O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) será o escenario no que se presente por primeira vez Territorio Regueifa, unha produción de Ainé con texto e dirección de José L. Prieto. A estrea terá lugar o xoves 3 de outubro ás 21.00 no Pazo da Cultura de Carballo, cunha función especial para persoas abonadas, e repetirase o venres 4 ás 20.00, con entradas a 10 euros, que xa están á venda en A Taquilla. Ademais, o mesmo día 3 realizarase un pase para alumnado de secundaria da localidade, reforzando o vínculo entre a regueifa e as novas xeracións.
Sobre o escenario, Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira propoñen unha viaxe que percorre a historia e a vixencia desta arte, mesturando narración, humor, música e recreación teatral. O público terá un papel protagonista, participando activamente nas improvisacións e descubrindo o carácter festivo e comunitario que posúe a regueifa.
A programación do FIOT arredor de Territorio Regueifa enriquécese con diversas actividades complementarias. O sábado 4 de outubro ás 12.30, o equipo artístico e produtor do espectáculo participarán no Onda FIOT, unha conversa en formato podcast conducida por un crítico teatral e aberta ao público, que despois poderá escoitarse en fiot.gal.
A regueifa tamén será protagonista na véspera da estrea, xa que o mércores 24 de setembro, conta cunha dobre cita no Pazo da Cultura de Carballo. Ás 17.30 presentarase un avance do documental Ao son da nova regueifa, dirixido por Manolo Maseda e Saúl Rivas, que percorre Galicia na procura das voces que están a renovar a improvisación oral. E ás 18.00 terá lugar a mesa redonda A arte do canto improvisado: tradición, ensino e perspectivas, organizada polo Consello da Cultura Galega, coa participación de Alejo Amoedo, Domingo Blanco, Lupe Blanco e Manolo Maseda.
Con esta programación, o FIOT reafírmase como espazo privilexiado para a exploración das artes escénicas en diálogo coa tradición, facendo da regueifa un territorio vivo no que pasado e presente improvisan xuntos os camiños do futuro.


