Xente de Castelo ao lonxe

Abrir un álbum de fotos familiar e repasar momentos de lonxe trae sensacións difíciles de explicar por seren moitas e moi diferentes. Dende a sorpresa de ver a xente ou a unha mesma máis nova, a tristura polo que xa non ha de volver, a alegría de revivir os momentos felices… Sobrevoando todo o sentido está a consciencia do paso do tempo, que coma tópico literario está explotado dabondo mais que é imposible de esgotar na experiencia persoal. Todo isto xa o experimentara de forma individual ou xunto a algunha persoa cercana, pero o que aconteceu unha tarde de agosto no Castelo Conta foi abrir un álbum de fotos parroquial en colectivo.

Foi no derradeiro día de conversas sobre “as cousas d’antes”, chamadas Contos de Castelo, no Alpendre do Ferrador, que sorprendía pola falta absoluta de teas de araña e unha orde impoluta, coma unha posta en escena de película. Xente non entraba máis, e amoreámonos fronte á pantalla na que se ían proxectando as fotografías que a veciñanza da parroquia trouxera para amosar nesa tarde de lembranzas compartidas.

Un momento das proxeccións de imaxes e películas do arquivo dos Contos de Castelo durante o festival Castelo Conta
Foto: Aigi Boga

Ábrese o peculiar álbum colectivo e a vida torna en branco e negro. Un equipo de sete chavales cunha bóla de fútbol sorrí cunha palleira de fondo, e nese momento solta Touriñán —tamén veciño de Castelo—: “debían de ser os photocall de antes”.

“Si, os palleiros valían para moitas cousas”, aclara outro paisano. Despois virían imaxes arreo de familias, parellas, nenos, grupos grandes de xente ou persoas con instrumentos, sempre fronte a unha morea de palla.

O de que o Instagram non reflicte realmente como é a vida da xente é algo que me decatei que vén de vello vendo as fotografías no Alpendre do Ferrador. Se me guiase por esta experiencia vicarial marcharía de Castelo pensando que a xente ía traxeada a diario e que xantaban coma nunha voda tódolos días.

Un veciño sinala coa man ante unha veciña durante os Contos de Castelo do festival Castelo Conta
Foto: Aigi Boga

Artigos relacionados

O público que vén

Sumar público para o teatro galego é unha das grandes metas das nosas táboas. Repasamos a proposta do Castelo Conta para os espectadores primeirizos e para os que queren repetir.