Visitamos un ano máis o festival de Almada.
Who the fuck is Manuela Rey?
O espectáculo do CDG preséntase no Festival de Almada.
Visitamos un ano máis o festival de Almada.
Visitamos un ano máis o Festival de Teatro de Almada, un dos certames de artes escénicas máis importantes do país veciño. Esta 40ª edición volveu ter unha mostra representativa do teatro actual portugués e europeo. Alén diso, a “Festa do Teatro” ofrece ao espectador dúas semanas na que a cidade portuguesa vive por e para o teatro.
As cidades poden explicarse a través das diferentes mostras culturais que as conforman. O estilo de vida, a comida, as artes… todas elas forman parte do que podemos dar en chamar a forma de ser, o espírito. Lisboa non é allea á uniformación cultural de Europa, no que cada vez custa máis diferenciar unha capital de outra, cos seus centros históricos asimilándose e buscando a diferenza no común. Se se pode falar da personalidade das cidades, semella que cada vez éstas -as grandes, polo menos- teñen menos identidade en favor da familiaridade para o visitante.
Dende os fermosos miradores da capital portuguesa, podes divisar unha cidade reconstruída, reinventa unha e mil veces, cos seus mitos literararios, coa presenza do Zeca nas súas rúas, cos eléctricos repletos de turistas que deixan a pel nas colas que se forman para facer un percorrido recomendado por todos os operadores e revistas e, alá ao fondo, da outra beira do Texo, un Cristo enorme ollando para a praça do Comercio, fitando aos conquistadores e deixando tras de sí, fóra da súa mirada divina a pequena cidade de Almada.
Á sombra do Cristo Rei, celebrouse a 40ª edición do Festival de Almada, unha mostra teatral que ten a súa orixe e a súa razón de ser no sentimento de comunidade, na loita obreira e no empeño dos veciños en ter unha oferta cultural de calidade sen ter que cruzar o río. Existir culturalmente na área de influencia dunha cidade como Lisboa é unha tarefa titánica, require constancia, esforzos económicos e, o máis importante, non descoidar nunca o público. Traballar os hábitos é unha tarefa que require moita perseverancia, o público non nace dun día para outro, pero si pode desaparecer rapidamente.
O Centro Cultural de Belem, enorme complexo dedicado á arte contemporánea na parte occidental de Lisboa, acolle parte da programación da segunda semana do Festival. Alí, podes ver grandes exposicións, como a impresionante colección Berardo, unha mostra de arte moderna con pezas dos principais artistas das vangardas europeas e do Pop Art norteamericano e británico. Na Escola Don António da Costa (sede oficiosa do festival), podes contemplar os debuxos do alumnado ao tempo que visitas exposicións comisariadas por José Manuel Castanheira ou a dedicada este ano ao mestre do teatro portugués João Mota. En Caçilhas, porto que une Almada con Lisboa, unha pastelería anuncia Bolas e Natas; non hai cola, apenas un par de clientes, o rapaz que atende avisa que son únicas, porque as fan eles alí no obradoiro, non veñen no camión do reparto. Son dous mundos opostos, ou, se cadra, o mesmo mundo visto desde diferentes beiras do río.
A cidade de Almada rememoraba este ano o seu 50º aniversario como cidade. Esta poboación, de orixe árabe, medrou como tantas outras logo da revolución, servindo como residencia ás familias traballadoras que chegaban de todas partes de Portugal e das antigas colonias, buscando unha vida mellor. E a cidade foi crecendo sempre cun sentimento de clase traballadora, que se visibiliza no seu forte tecido asociativo. Na actualidade é unha das rexións máis densamente poboadas de Portugal e a décima en poboación.
Todos estes aspectos sociais vense reflictidos no Festival de Almada, unha das maiores mostras teatrais do país veciño, que leva corenta edicións deseñando unha programación na que o público é parte fundamental no seu deseño. A veciñanza de Almada vive de preto o teatro, da man de Joaquim Benite, cuxo nome porta orgulloso o seu teatro, sede da Companhia de Teatro de Almada, o festival foi medrando ano tras ano pero conservou o seu espírito e respectou oa seu público. Así, mantén o escenario do Palco Grande, un enorme recinto montado na explanda da escola situada ao carón do teatro que se enche todos os días con xente que chega de todo o país, do resto de Europa e, sobre todo, de veciñas e veciñon que non faltan á súa cita. Algunha destas persoas mesmo asistiu a todas as funcións que programou o festival nestas corenta edicións. Un festival ao medrar corre moitos riscos, pero neste caso, o festival é unha cita máis na programación anual da Companhia, que mantén unha carteleira para todos os publicos durante todo o curso.
Durante dúas semanas, o teatro portugués e europeo é o protagonista da vida da cidade, ocupando diferentes puntos da mesma. As actividades complementarias que se desenvolven tanto na escola D. António da Costa como na Casa da Cerca, son visitadas polos profesionais que participan no festival, mais tamén polos veciños, que tamén elixen o espectáculo que repetirá na seguinte edición -Jogging, da libanesa Hanane Hajj Ali foi a vencedora nesta edición-. O festival acolle a estrea do espectáculo da Companhia, que nesta ocasión foi Cálvario, o quinto texto orixinal que representan, escrito e dirixido por Rodrigo Francisco, director do festival, quen tomou o relevo de Joaquim Benite trala súa morte no 2012. Baseado en textos de Thomas Bernhard, Calvario foi un dos espectáculos máis aplaudidos desta edición, unha montaxe sinxela e moi textual que nos fala da vida a través da montaxe dun espectáculo.
Se existía un fío condutor entre as diferentes montaxes, podería ser o mundo moderno, o medo aos cambios de paradigma e o abismo xeracional que semella estar abríndose, nun mundo interconectado que semella non ser capaz de dialogar e poñer nome ás cousas. E é que a sombra do fascismo é alongada en toda Europa e, quizais, aínda non nos paralizou o medo, pero de certo, para deter o odio é preciso tomar conciencia e defender a liberdade en voz alta.
O espectáculo do CDG preséntase no Festival de Almada.
Táboas volve un ano máis ao festival portugués.