A coprodución galego portuguesa recupera a figura desta gran estrela do teatro lisboeta do século XIX. Manuela Rey é un enigma sobre o que esta peza dirixida por Fran Núñez e con actores, músicos e unha historiadora en escena, pretende desvelar.
O Centro Dramático Galego, no marco do 40º aniversario, presentou en coprodución co Centro Dramático de Viana – Teatro do Noroeste, o Teatro Nacional São João e o Teatro Nacional D. Maria II esta peza de teatro documento que afonda nunha figura descoñecida para o público, tanto que mesmo parece unha invención. Unha personaxe que ten unha aura de mito como agardaríamos nas ficcións. Mais Manuela existiu, e este espectáculo investiga nas súas orixes e trae ao presente a —breve mais intensa— vida de Manuela Rey.
Manuela naceu en Mondoñedo, alá polo 1842. Grazas ás fontes das que bebe o espectáculo, sabemos que sendo aínda nena acabou nunha compañía dramática itinerante —que fixo parada na Mariña— e viaxou con ela facendo representacións en León, Palencia, Bragança, Valença, Viana e no Porto. Xa de moza, instalouse en Lisboa e alí chegou a ser a primeira actriz do primeiro elenco estable do Teatro Nacional Dona Maria II. Loitou polos seus dereitos e polos dos seus compañeiros, acadou gran sona na cidade e alí morreu, con tan só 24 anos, vítima do tifo e sendo unha das grandes estrelas das táboas portuguesas. Os seus restos repousan no cemiterio dos Prazeres da capital portuguesa a onde chegaron cun cortexo fúnebre seica máis numeroso que o do rei don Pedro V.
Tamén existen referencias á Manuela escritora, como autora da comedia A actriz e o proverbio Por este deixarás pae e mãe, ademais de capítulos soltos de novelas, cartas, textos filosóficos e notas autobiográficas, das que se extrae a sensibilidade dunha muller aflixida que se lamenta de non ter gozado da infancia, nin do afecto maternal, nin das alegrías do corazón, e ata reflexións arredor do feito de ser muller e a incomprensión dos homes.
Todo isto, descubrímolo en Manuela Rey is in da house, unha proposta moi interesante que puidemos desfrutar en Almada, á outra beira do río de Lisboa, dentro da programación da 41º edición do seu festival de teatro. No palco grande da Escola D. António da Costa, estaba todo disposto para a ver esta proposta de Fran Núñez o 14 de xullo, domingo no que a final da Eurocopa retrasou un pouco o inicio do espectáculo.
Sobre o escenario, seis actrices e actores —galegas e portugueses—, un músico e unha historiadora traen ao noso presente a historia de Manuela, a través de escenas da súa vida, representacións, cancións e notas historiográficas. Sempre presente o teatro, sempre presente a paixón, sempre presente a forza desta muller extraordinaria. E sempre presente, tamén, Mondoñedo; cun xogo que houbo quen pensou unha referencia lorquiana e quen ficou desconcertado por eses soños de cabezas equinas. Que mellor momento para presumir de comarca e das San Lucas que unha posfunción en Portugal con medios españois e portugueses tomando nota da máis antiga feira cabalar que se coñece?
Mais non é intención soterrar baixo a mitoloxía mindoniense a marabilla que aconteceu sobre as táboas. E son moitas as lecturas coas que queda un. Moito descoñecemos da nosa historia, Manuelas tivo que haber moitas outras. Sigue sorprendendo o pouco que dialogan Galicia e Portugal, en xeral, pero nas artes en particular, habendo vimbios para unha maior interrelación. O ben que funciona o teatro para contarnos a nós, para contar aos outros.
“Sen memoria non hai historia”
Quen máis conta en Manuela Rey is in da house é Paula Ballesteros, investigadora do CSIC que en escena vai detallándonos o tremendo proceso de documentación que se levou a cabo para poñer en marcha esta peza. Sorprende para ben a súa presenza escénica e a boa sintonía co resto do elenco formado por Mariana Carballal, Neto Portela, Nuno Loureiro, Rafaelá Sá, Raquel Crespo, Teresa Vieira e o músico Xosé Lois Romero, autor ademais do espazo sonoro.
O espectáculo ten un gran dinamismo e está estruturado en distintas escenas nas que repasan a traxectoria de Manuela, “a mulher lírio”, mesturando os apuntes historiográficos, coas pezas por ela representadas, con soños e cancións que xuntas configuran un retrato máis ou menos preciso da figura desta gran descoñecida que era Manuela Rey.
Ao rematar o espectáculo, un queda coa sensación de ter chegado a unha figura que doutro xeito tería sido imposible chegar. Sorprende o descoñecemento desta muller tan importante e influínte no seu momento, o que sorprende menos é a capacidade que o teatro ten para meter en nós unha historia propia e que saiamos —a pesar do enorme labor de documentación e posta en escena— con máis preguntas que respostas.