‘Berenguela na gaiola’ abriu o FIOT34 coa súa estrea absoluta en Carballo

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) inaugurou a súa 34ª edición cunha estrea moi especial: Berenguela na gaiola, unha coprodución de Galeatro, Xarope Tulú e a dramaturga e directora Paula Carballeira, que se representou o pasado sábado dentro da programación do FIOTiño.

O Festival Internacional Outono de Teatro foi o escenario no que se presentou por primeira vez Berenguela na gaiola, unha creación que combina narración, teatro de obxectos e música, dirixida a público infantil e familiar. A estrea tivo lugar o sábado 27 de setembro no marco do FIOTiño e contou cunha gran acollida, celebrando unha proposta que achega á infancia e á xuventude a maxia da escena galega contemporánea.

A peza revisita un dos textos máis queridos e representados de Manuel María, Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela. Sobre o escenario, Berenguela, residente nunha casa de maiores, quere regresar á súa aldea. Xunto a dous compañeiros, Aurora, de imaxinación desbordante, e Tomás, sempre reflexivo, descobre no teatro un espazo de liberdade para ser quen queren ser e cambiar, polo menos, o seu mundo.

A creación naceu como gañadora do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais e conta cunha xira ampla con máis de corenta funcións programadas, así como co apoio do Centro Dramático Galego, a Casa-Museo Manuel María e do propio FIOT.

Teatro de rúa, narración e máis propostas para todos os públicos

Paralelamente á estrea de Berenguela na gaiola, o FIOT34 inaugurou tamén o seu ‘Teatro de Rúa’, con funcións de circo contemporáneo, clown e música en directo, como Pausa (CÍA niMú, País Vasco) e Back to Classics (Planeta Trampolí, Cataluña). Ademais, a tradicional ‘Rúa dos Contos’ ofreceu sete primeiras propostas de narración oral, maxia e humor para todos os públicos.

A programación completa do festival inclúe corenta e cinco espectáculos, once estreas absolutas, once estreas en Galicia e diversas coproducións, así como actividades en espazos non convencionais e propostas abertas a todos os públicos. As entradas para estas funcións están dispoñibles en Ataquilla.com e no propio Pazo da Cultura desde 90 minutos antes do inicio de cada espectáculo.

Artigos relacionados