Coñecemos os espectáculos do Metro Cadrado do FIOT

A oitava edición do Certame Micro-Escenas M2 do FIOT ten xa finalistas. O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo deu hoxe a coñecer os nomes dos espectáculos experimentais de pequeno formato que foron seleccionados polo seu xurado de profesionais das artes escénicas como finalistas do Certame Micro-Escenas M2. Estes espectáculos poderán verse este outubro durante a celebración da 33º edición do FIOT que terá lugar do 26 de sembro ao 31 de outubro.

O certame recibiu nesta edición 44 propostas seleccionando 6 pezas. As finalistas do Metro Cadrado —das cales, 4 serán estreas absolutas— son: Respira, de Sempre Arriba; Cronopios a escena, de Carmen Domech; Rebel Rebe, de Vórtice Escénico; Wasteland, de Vaiembora; Teño un caravel no peito, de Aviva-lo; e Panos de Vinaghre, de Artesa Cía. 

O Certame Micro-Escenas M2 é unha iniciativa de teatro de proximidade, primeira creada en Galicia, que busca visualizar novos formatos e experiencias escénicas, así como apoiar a compañías e creadores emerxentes. As propostas finalistas neste 2024 poderán verse en espazos non convencionais e singulares de Carballo durante as fines de semana do #FIOT33: no gabinete Orixe Centro de Psicoloxía, no espazo cultural Espiral Maior Foro, na tenda de roupa Akira, na Fonte da Cristina, no estudo de deseño gráfico Ouvea Creatividade Gráfica e no Mercado Municipal. 

UN CERTAME PIONEIRO EN GALICIA

As e os artistas son quen de xerar, no marco dun gran festival, novas experiencias teatrais, de pequeno formato, en contextos non habituais para a representación escénica, que contextualizan e serven de escenografía natural da obra, nos que un número moi limitado de asistentes se sitúa a curta distancia dos intérpretes. Así, á vez que difunde e visualiza o traballo das creadoras, Metro Cadrado ofrece cada ano ao público da comarca unha nova experiencia escénica, diferente ás habituais nos recintos: sen barreiras, sen artificios e desde a proximidade, que posibilita a captación de novos públicos e a implica á veciñanza en proxectos escénicos. 

O pasado mes de maio, o FIOT abriu a inscrición da oitava edición do certame, convidando ás compañías e artistas emerxentes a crear ou deseñar un espectáculo (de teatro físico, música, clown, performance, danza, manipulación de obxectos…) de entre 10 e 20 minutos, que se puidera poñer en escena, especificamente, nun espazo non teatral, entre o 5 e o 27 de outubro de 2024.

As propostas podían ser tanto pezas orixinais coma xa estreadas, aínda que o xurado do certame (composto por diferentes persoas relacionadas coas artes escénicas) tería en conta a nova creación e, especialmente, a adecuación e a interacción cos espazos ofertados e a autoría propia. Ademais, atendendo ao interese do FIOT nos proxectos e experiencias teatrais singulares que fan un uso innovador de cultura dixital e a tecnoloxía, tamén tivéronse en conta aquelas obras que empreguen medios dixitais. 

Artigos relacionados