Memoria, cohesión e innovación na MIT Ribadavia

O festival de teatro celebra a 39ª edición do 15 ao 23 de xullo centrado no humor, na memoria, nas creadoras femininas e nas compañías emerxentes.

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia desvela o programa da súa 39ª edición, que terá lugar do 15 ao 23 de xullo e que reúne máis de vinte espectáculos e diversas actividades escénicas complementarias ao redor do lema “memoria, cohesión e innovación”. A mostra aposta polos valores mozos e emerxentes, a diversidade e unha grande presenza feminina na creación, así como por afianzarse como festival internacional. Neste sentido, a programación ábrese con Fuck me, da arxentina Marina Otero, quen fai parada en Galicia nunha xira europea que a levará tamén a Viena, París ou Berlín. A peza, que viaxa entre a ficción e o documental e a danza e a performance, foi Premio do Público 2021 no ZKB – Theater Spektakel de Zúrich.

A arxentina Marina Otero presenta Fuck me

Ribadavia acolle a estrea de O Auto do Castromil, dirixida por Quico Cadaval e cun elenco formado por Rocío González, Víctor Mosqueira, Marcos Orsi e Patricia Vázquez. A obra acontece nunha viaxe onírica dentro dun coche de liña, onde os viaxeiros dormen e as maletas cobran vida para repasar unha curiosa historia de Galiza, combatendo a nosa amnesia conxénita. O público cobra protagonismo nesta edición, non só por apelar á súa memoria con diferentes espectáculos senón por convidalo a participar na celebración da vida ou da elocuencia da realidade ou da excitación corporal, como en Fráxil, Handle with care, de Matarile Teatro.

O humor profundo e intelixente tamén é un denominador común de varios espectáculos. É o caso de Homenaje a Billy el niño, da compañía madrileña Teatro del Barrio. Entre o documento e a sátira do musical, a obra exhibe as pegadas do noso pasado: en xullo de 1977, Antonio González Pacheco, un policía máis coñecido como Billy el Niño, foi condecorado coa medalla de prata ao mérito policial. A peza serve para darlle voz ás persoas que torturou e lembrar toda a violencia coa que tamén se construíu a transición española.

Voces emerxentes e en feminino

Unha das claves desta edición é a presenza de mulleres creadoras. Un dos nomes destacados é Alessandra García, que estrea en Galicia a peza Mujer en cinta de correr sobre fondo negro, unha radiografía da persoa de barrio humilde onde reflexiona sobre a súper produción téxtil, o capitalismo, o entretemento, a cultura ou os idiomas.

A MIT acolle a derradeira función de Elisa e Marcela | Foto: MIT Ribadavia

Ademais, a MIT ofrecerá unha ollada especial á compañía galega A Panadaría, que celebra 10 anos sobre os escenarios coa súa perspectiva feminista, festiva e reivindicativa. Así, a mostra acolle a derradeira función de Elisa e Marcela na Igrexa da Madalena e será todo un fito que se represente nunha igrexa esta peza sobre o famoso matrimonio lésbico. O público tamén poderá ver As que limpan, o espectáculo triunfador dos Premios María Casares 2023 e que trata os abusos de poder que exercen os empresarios da industria turística dos hoteis.

Aquellas que no deben morir de Las Huecas | Foto: Mila Ercoli

A compañía catalá Las Huecas propón unha posta en escena a medio camiño entre o teatro documental e a experimentación dos rituais en Aquellas que no deben morir, cun elenco totalmente feminino. O seu traballo foi definido como audacia punk, alternativo, rompedor e de humor incómodo e son tamén unhas das voces emerxentes desta edición. No eido de novos grupos e creadores tamén están a compañía galega Vórtice Escénico con Asfixia, e as madrileñas Sr Smith con If, La Ligereza, e Mujer en obras con Cucaracha con paisaje de fondo, un espectáculo de humor absurdo que gañou dous Premios Max 2023 a mellor espectáculo revelación e mellor autoría revelación.

Artes escénicas no exterior

A MIT Ribadavia tamén ofrece espectáculos de rúa e espazos exteriores. Haberá danza con Intempestiva de Elahood, Migrare de Maduixa e Alleo de Colectivo Glovo; novo circo con Time to loop de Duo Kaos, Volando vengo de Kanbahiota; e pezas próximas á narración oral como A parábola do angazo, de Talía Teatro.

A mostra recupera as súas sesións golfas para gozar nas cálidas noites de verán de espectáculos máis lúdicos e divertidos. Nesta edición, o clown galego Roi Borralas presenta Solo, unha peza que recibiu o Premio FETEN de Xixón á Mellor Interpretación de 2023. Pola súa parte, Cecilia Vázquez estará con Lerele, unha comedia musical que tamén mestura biografía e audiovisuais e que traza a historia dunha nena que sente a súa vida transformarse cando ve na televisión a Lola Flores.

Time to loop da compañía italiana Duo Kaos

Venda de entradas

A venda de abonos para todos os espectáculos do Castelo estará dispoñible ata o 29 de xuño. A partir do 30 de xuño poderanse mercar as entradas soltas para todos os eventos.

A programación completa pódese consultar na web da MIT Ribadavia.

Artigos relacionados