A terra non se vende

‘Un hotel de primeira sobre o río’, producida polo CDG, reflexiona sobre especulación urbanística e éxodo rural.

O Centro Dramático Galego leva por vez primeira vez ao teatro profesional a obra ‘Un hotel de primeira sobre o río’, publicada por Xohana Torres en 1968. María Torres e Gonçalo Guerreiro, da compañía Elefante Elegante, dirixen esta adaptación na que mesturan as diferentes linguaxes escénicas que identifican a súa forma de facer teatro: movemento, música, obxectos e gran poder visual.

Foto: Miramemira

Especulación urbanística, sobreexplotación dos recursos naturais, caciquismo, éxodo rural e emigración son os temas principais polos que viaxamos os espectadores de Un hotel de primeira sobre o río, que seguen vixentes na actualidade. Porque vendo este espectáculo producido polo CDG nada nos faría pensar que o seu texto foi escrito hai máis de 50 anos. Ben é certo que María Torres e Gonçalo Guerreiro actualizaron a peza aos nosos tempos, nestes nos que, desafortunadamente, entendemos moito de activismo e loitas veciñais contra minas e eólicos.

Ruth Soar, interpretada por Merche Pérez, vive e traballa nun val afectado por un proxecto urbanístico para construír un hotel cunha área recreativa. A súa casa ofrece unhas vistas panorámicas que abraiarían a calquera turista. A protagonista sofre a presión caciquil para que renuncie ás súas terras, á súa casa, á súa historia e ás súas raíces. Se a temática nos atrapa, o que nos acaba por hipnotizar neste espectáculo é o xogo cos obxectos, os xestos e o movemento marcado pola música, onde os actores e actrices poñen de manifesto o seu perfil especializado en danza e teatro físico. Sen dúbida, o elenco completado con Iván Davila, Raquel Espada, Sofía Espiñeira, Nicolás Otero, Pablo Sánchez e Lidia Veiga non podía estar mellor escollido.

A austera escenografía de Gonçalo Guerreiro, xunto coa iluminación de Nacho Martín e a música de Manuel Fonte Loureiro, acompaña os medos e as fraxilidades da protagonista. Ademais, a pirámide de dúas táboas como elemento principal do espazo escénico está pensada para que poña en risco o equilibrio e a estabilidade dos intérpretes, obrigados a asumir unha consciencia permanente do perigo de estar en escena. E de novo, como espectadores volvemos sentir esa angustia (e doses de admiración) pola valentía e traballo físico que iso supón.

Foto: Miramemira

Progreso, rural e medio ambiente

Un hotel de primeira sobre o río pretende facer reflexionar sobre o progreso e a protección do rural, expoñendo puntos de vista diferentes: dos que queren quedar, dos que queren chegar, dos que queren marchar á cidade, dos que queren sacar proveito do que non é deles, dos que queren un rural mellor pero non así… Non é posible un rural rendible e sostible?

O texto, aínda que centrado na construción dun hotel, lévanos ao presente ao mencionar os “macro eólicos, as macro minas… o macro lucro!”. Unhas palabras que nos apelan directamente e que nos fan pensar en todas as loitas veciñais que tivemos (e temos) en Galicia para defender a terra e a xente do rural. Por certo, boa parte delas están recollidas na exposición Sempre máis. Arte, ecoloxía e protesta na Galiza do Prestige, que se pode ver no Auditorio de Galicia ata o 21 de maio. Porque a terra non se vende. Onde uns só ven cartos para eles, outros vemos raíces e tamén riqueza, pero para o pobo.

Foto: Miramemira

Ruth, para quen non hai diñeiro que poida pagar o seu apego e amor pola terra, convive na obra cos investidores sen escrúpulos e as personaxes que prefiren vender e buscar as comodidades da cidade. Ademais, na adaptación de Elefante Elegante engádese unha nova personaxe, a de Silvia Ledo, interpretada maxistralmente por Raquel Espada. Ela representa o activismo ecoloxista asociado ao movemento neorural. Unha personaxe que se critica a si mesma (e a moitos máis aos que lles parece que poñer un chío en Twitter reflexionando sobre o futuro do rural é ser activista) cando di que “o activismo teórico serve para alimentar a superioridade moral que lle encanta ao meu ego”. Pero tamén unha personaxe apaixonada, sensible, soñadora e que axuda a resistir á protagonista. E os ecos da resistencia de Ruth chegan máis aló do que pensa. Iso seguro.

Un hotel de primeira sobre o río de Xohana Torres por fin está sobre as táboas. Fíxose xustiza coa autora e fíxosenos un gran regalo ao público galego. A obra de teatro pódese ver ata o 30 de abril no Salón Teatro de Santiago de Compostela e, xa en maio, fará parada en varias vilas galegas.

Artigos relacionados