O elenco da última obra do CDG fai que algúns dos personaxes clásicos máis universais paseen por Compostela e falen galego. Shakespeare en Roma fai que tempos e lugares afastados quede preto durante algo máis de dúas horas.
Foto: Centro Dramático Galego | Miramemira
Case que nin se pode dicir que os clásicos son incuestionables, porque a mera consciencia os fai algo menos divinos, algo máis mundanos. De aí o primeiro atrevemento da montaxe Shakespeare en Roma e mesmo deste artigo; ninguén está a salvo. É o xeito no que os monárquicos da intransixencia protexen o seu poder divino de decidir o canon e, por consecuencia, de opinar dunha soa vez sobre a calidade de todo canto existe. E isto vén a conto de que a última estrea do Centro Dramático Galego non deixa a Shakespeare quieto parado: xunta nun mesmo espectáculo catro obras ambientadas na Antiga Roma do dramaturgo inglés baixo catro direccións diferentes (Rui Madeira, María Barcala e Xúlio Lago, Sara Rey, e Quico Cadaval).
Coriolano, Xulio César, Antonio e Cleopatra, e Tito Andrónico son os textos que pasean ante nós no Salón Nobre do Pazo de Fonseca, un espazo moi diferente ao teatro á italiana ao que estamos acostumados. O edificio pertence á Universidade de Santiago de Compostela e, aínda que leva cinco séculos aí, chantado a escasos metros da Catedral, dubido moito que acollera unha produción teatral antes desta. Foi, ademais, a segunda sede do Parlamento de Galicia e aseméllase moito ao Parlamento inglés —pero en pequeniño—, aludindo ao carácter político da obra shakesperiana ou convertendo o público en senadores romanos. A proximidade destes ao elenco é total, o que fai que o drama se nos achegue, nos mova, nos remova e nos incomode.
Coma todo, a localización ten os pros e tamén os contras. A perspectiva de cada persoa é radicalmente diferente, cuestión que os actores e actrices resolven moi ben movéndose seguido. O espazo escénico é moi limitado, así como as posibilidades de entrada e saída do mesmo, debido ao cal se o público necesita saír, non pode volver entrar, polo que se recomenda non beber moito antes da función.
Sabendo onde se representa Shakespeare en Roma e que xunta catro historias, chégase ao teatro dubidando sobre ata que punto chegará o do “carácter innovador”. Ou mellor dito, de que xeito será innovador. Por algún motivo que agora me fai rir, agardaba que fose a través dunha linguaxe máis actual ou coloquial, anacronismos, resituar a trama no noso tempo… Nada disto en absoluto.
Foto: Centro Dramático Galego | Miramemira
O que ofrece a adaptación é ver o que serían catro obras dunha vez, en dúas horas e media catro historias, levando o teatro fóra do lugar co que o relacionamos. Ben é certo que media hora ou corenta minutos non chegan para resumir todo un drama de Shakespeare e que, inevitablemente, se restrinxe a contextualización e o desenvolvemento dos personaxes. Pero a montaxe é valente na súa intención de traer unha enorme cantidade de personaxes do universal dramaturgo, poñelos a falar galego e permitir que o público que se achegue ao Pazo de Fonseca poida desfrutar de catro tramas. Aí é pouco.
Debido ao limitado do tempo, viuse a loita entre as palabras e as actuacións dun elenco fenomenal: Xurxo Cortázar, Sheila Fariña, Cris Iglesias, Rebeca Montero, Marcos Orsi, Fran Peleteiro, Santi Romay e Toni Salgado. Cinco actores e tres actrices que ao longo de dúas horas e media non paran un intre. Seguen e seguen por un transitar frenético a través de personaxes e estados de ánimo.
Quizais a peza que máis me chegou foi Antonio e Cleopatra. Porque na vida real non, pero na ficción encántanos un bo amor tóxico, nos tempos de Shakespeare e nos nosos. A última raíña de Exipto é unha personaxe cuxa enorme complexidade Sheila Fariña consegue construír nunha brevedade. Tamén nos cautiva de Tito Andrónico o sangue e a sede de vinganza, os xiros de guión macabros e a dor cando non hai saída algunha. Nesta historia tan pouco correcta, na que se ven as maiores baixezas ás que pode chegar o ser humano, volve sorprender o bo traballo do elenco por como se desenvolven tan comodamente nas situacións máis ferintes.
As catro reinterpretacións —a cargo dos dramaturgos Volodymyr Snegurchenko, Ana Carreira, Ana Abad de Larriva e Lorena Conde— fálannos da universalidade que permite ás historias viaxar no espazo e no tempo. Pero tamén dan conta de que ese carácter universal dos sentimentos non é nada sen as sensibilidades de cada quen e penso: acaso a personaxe de Cleopatra ou a da raíña goda Tamora os entende igual unha rapaza nova do 2023 ca un nobre inglés do 1600? Na complexidade e nos grises está o bonito de Shakespeare, que nos achegan os catro dramaturgos desta obra.
Foto: Centro Dramático Galego | Miramemira
Traer a Shakespeare ao noso contexto e á nosa lingua é unha necesidade. A esta premisa súmaselle outra: facer unha peza clásica é unha proposta de risco, facer catro cuadriplícao. Shakespeare en Roma asúmeo todo cun tempo limitadísimo. Esta é a maior dificultade coa que se compromete a montaxe do CDG pero que, coma todo tamén conleva inevitablemente unha tensión, unha viveza constante ao longo de dúas horas e media. Iso non é algo que unha poida sentir tódolos días.
En Primaria montei e dirixín un xornal na miña clase, só tivo dous números pero acabei estudando Xornalismo. Escribo e comunico cousas sobre teatro e arte en xeral, aínda que miña avoa non acaba de entender en que traballo.
O Festival Internacional Outono de Teatro arrincou co FIOTiño e a estrea de ‘Berenguela na gaiola’, nova coprodución de Galeatro, Xarope Tulú e Paula Carballeira.
As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.
Cookies técnicas
As cookies técnicas son imprescindibles para o funcionamento da web, serven entre outras cousas para saber en que idioma prefires ver a páxina ou se permitiches ou bloqueaches as cookies de terceiros.
If you disable this cookie, we will not be able to save your preferences. This means that every time you visit this website you will need to enable or disable cookies again.
Cookies de análise
Empregamos cookies de terceiros (Google Analytics) para medir e analizar estatisticamente o tráfico da web: as páxinas máis visitadas, a procedencia dos visitantes, etc. A información que xestionan estas cookies pode incluír ou estar asociada a datos persoais como o nome ou correo electrónico.
Nomes das cookies de Google Analytics: _ga, _ga_<container_id>
Please enable Strictly Necessary Cookies first so that we can save your preferences!
Cookies de publicidade
Empregamos cookies de terceiros (o servizo de newsletter Brevo, antes chamado Sendinblue, e as redes sociais de Meta: Facebook, Instagram e WhatsApp) para mellorar as nosas campañas publicitarias nesas plataformas, analizando o comportamento dos usuarios da web e compartíndoo con elas. Por exemplo, cando un usuario da web merca un produto da tenda online, esa venda pode quedar rexistrada e asociada a ese email tamén en Brevo e/ou Meta. A información que xestionan estas cookies pode incluír ou estar asociada a datos persoais como o nome ou correo electrónico.