O Festival de Almada celebra o 40 aniversario cunha ambiciosa programación

O festival portugués programa nesta edición vinte espectáculos de teatro, danza e novo circo e terá lugar do 4 ao 18 de xullo en distintas localizacións de Almada e Lisboa.

No verán de 2022 fomos convidados a descubrir o Festival de Almada e en Táboas repetiremos experiencia este ano para celebrar o seu 40 aniversario. A organización acaba de presentar a programación da vindeira edición, que se celebrará do 4 ao 18 de xullo e convertirá Almada no centro cultural do país veciño ao reunir a algúns dos máis destacados creadores e compañías portuguesas e internacionais. O público poderá gozar dun total de vinte espectáculos de teatro, danza e novo circo (oito de Portugal e doce estranxeiros), ademais doutras actividades paralelas.

O teatro da palabra estará representado por directores xa coñecidos no festival. O alemán Peter Stein presentará O aniversário de Harold Pinter, mentres que o inglés Declan Donnellan regresa coa montaxe dun clásico do Século de Ouro español, A vida é sonho de Calderón de la Barca, nunha produción da Compañía Nacional de Teatro Clásico. Tamén regresan ao festival os cataláns Els Joglars con ¡Que salga Aristófanes!; Teatro de La Abadía con Esto que no salga de aquí, do dramaturgo galego Pablo Fidalgo, e os belgas Raoul Collectif coa peza Une cérémonie.

La vida es sueño, de Compañía Nacional de Teatro Clásico

En Almada haberá olladas árabes: a libanesa Hanane Hajj Ali aborda en Jogging a condición feminina no seu país, mentres que o franco-arxelino Abdelwaheb Sefsaf conta a historia do seu pai, que migrou con 16 anos a Francia, en Ulisses de Taourirt.

Nesta edición do festival tamén estarán dúas das máis prestixiosas compañías do mundo no teatro e na danza, respectivamente: a Schaubühne de Berlín e a Batsheva Dance Company. A primeira chega ao festival con Everywoman, obra asinada polo suízo Milo Rau e con Ursina Lardi como protagonista. A segunda trae MOMO, a recente creación do coreógrafo israelí Ohad Naharin, que leva máis de 20 anos na compañía.

En canto ao novo circo, a programación inclúe a dúas das figuras máis salientables na escena europea contemporánea: o francés Yoann Bourgeois e o suízo Martin Zimmermann, os dous con espectáculos con forte compoñente visual, mesturando danza e música. O primeiro presenta Minuit, do Centre Corégraphique National de Grenoble (Francia) e o segundo propón un “cabaret-punk”con Eins, zwei, drei. Haberá máis circo coa peza Optraken, do colectivo francês Galactik Ensemble.

Eins Zwei Drei, de Martin Zimmermann | Foto: Augustin Rebetez

Estreas en Almada e aposta pola creación portuguesa

Esta 40ª edición do festival trae dúas estreas: a Companhia de Teatro de Almada apresenta Cal­vário, con texto e dirección de Rodrigo Francisco; e o Teatro GRIOT, en coprodución con Artistas Unidos, leva a escena unha adaptación de Ventos do apocalipse, de Noé João.  Mentres que Calvário utiliza o mecanismo do “teatro dentro do teatro” para contar o “naufraxio” dun grupo que intenta montar a peza Minetti, de Thomas Bernhard, Ventos do apocalipse invoca o escenario dantesco da guerra civil de Mozambique.

Nesta edición o festival volve apostar pola creación contemporánea portuguesa e leva ás táboas as diferentes correntes do teatro que se fai en Portugal. O Teatro Nacional São João chega con Suécia, de Pedro Mexia; Joana Craveiro e o seu Teatro do Vestido propoñen unha viaxe ao tempo dos cassettes con Aquilo que ouvíamos; Miguel Fragata e Inês Barahona estarán con Montanha-russa; e finalmente, o actor Rui M. Silva interpreta só sobre o escenario un texto de Afonso Cruz chamado A equipa, unha historia de autoficción sobre a amizade nun grupo de xogadores de baloncesto.

Montanha-russa | Foto: Filipe Ferreira

Espectáculo de honra

No Festival de Almada o público vota pola súa creación favorita para que regrese ao ano seguinte. Así que neste 2023 volve a peza escollida o verán pasado: Eu sou a minha própria mulher, do Teatro Experimental de Cascais.

Homenaxe a João Mota

O actor e director João Mota será a persoa do mundo do teatro homenaxeada este ano no Festival de Almada. Pedagogo, profesor da Escola Superior de Teatro e Cinema durante tres décadas e director artístico do Teatro Nacional D. Maria II entre 2011 e 2015, João Mota estreouse como actor nos programas da Emissora Nacional, ingresando en 1957 no Teatro Nacional D. Maria II, onde permaneceu durante dez anos. O público poderá ver a penúltima obra de Mota producida por Teatro da Comuna: Não andes nua pela casa, de Georges Feydeau.

Podes consultar toda a programación na web do festival.

Artigos relacionados