“O que me gusta do teatro é o que non está nas mans dos directores”

Este é un avance da entrevista que se publicará completa no próximo número da revista (Táboas n.º 5), previsto para o verán.

A directora, dramaturga e tamén actriz Tamara Canosa (A Coruña, 1983) vén de dirixir Os actos e as profecías, unha obra no marco dun talent show coescrita co cineasta Xacio Baño e que foi o espectáculo central do 40.º aniversario do Centro Dramático Galego. Conversamos con ela sobre esta experiencia e sobre a súa forma de entender a creación teatral e o teatro mesmo.

OS ACTOS E AS PROFECÍAS É UNHA OBRA QUE FALA DO PUNTO DE ENCONTRO ENTRE O QUE DESEXAMOS E O QUE NOS ACONTECE. CANTA DISTANCIA HAI ENTRE O QUE QUEREMOS QUE NOS PASE E O QUE NOS PASA?

Depende das vidas e dos azares, pero teño a sensación de que estamos moi influenciados por todo o que se supón que temos que facer cada vez máis novos e cada vez máis guapos. A escaleira é máis empinada respecto ao mundo real, que non sempre vai en paralelo co que queremos. As xeracións actuais teñen a certeza de que van vivir peor que os seus pais. Todo é máis inalcanzable.

A PROTAGONISTA DA OBRA QUERE TRIUNFAR NUN TALENT SHOW E TER ÉXITO, PERO NO PROGRAMA FÍXANSE NA SÚA IRMÁ SEN VOZ.

O que intentei contar con ese personaxe é unha personalidade artística. É invisible durante toda a obra e de repente alguén a ve. Aí está esa sensación marabillosa de “existo, son vista, quérenme!”. Hai un momento en que uns personaxes van seducila e convencela para que entre no concurso e dinlle: “Bueno, pensamos en ti”. E o seu pai, que a quere, pregunta: “Nela?”. Ela non é o cabalo gañador da familia, pero de repente existe e ela conecta con iso.

NALGUNHA ENTREVISTA DIXECHES QUE SENDO ADOLESCENTE VÍAS MOI DIFÍCIL SER ACTRIZ, QUE ERA COMO SER ASTRONAUTA. CANTO INFLUÍRON A TÚA EXPERIENCIA E AS TÚAS DIFICULTADES NESTA HISTORIA?

Se o teu pai ou a túa nai son pianistas, pois igual é máis fácil que ti desenvolvas as túas habilidades musicais. Igual se vives nun barrio marxinal é moito máis difícil. Un está marcado. Nesta obra non é algo que quixera converter no tema central, pero a familia si que está. Hai momentos en que se explica que os talent show son a única oportunidade para moita xente. O meu non foi por un concurso, pero eu crieime no Birloque [un barrio da Coruña] nunha familia numerosa e un día viñeron polo meu instituto facendo un casting para unha serie. Colléronme e iso cambioume a vida. Esa é a única bala posible para moita peña: os golpes de sorte.

A OBRA INTERPELA E COLOCA O PÚBLICO NO CENTRO, TANTO EN SENTIDO LITERAL COMO FIGURADO. QUE BUSCACHES CON ISTO?

Quería amosar as cousas desde distintos sitios. Non son unha persoa que ao dirixir pense “aquí hai que sentir isto, aquí van chorar e aquí non sei que”. Non, non busco iso. Fago as escenas como me gustan a min. A espectadora son eu, non teño outra medida. Hai un momento en que Luz [unha das irmás protagonistas] se encontra coa nai e dirixir os sentimentos e a emoción do público levaría a que dese moita pena e a chorar. Para min iso está prohibido. Pode haber algo que che faga graza desta señora, podes empatizar con ela ou pode que as dúas personaxes teñan razón.

ESE MÉTODO DEIXA QUE CADAQUÉN ESCOLLA SE RIR OU CHORAR.

Esta forma de traballar está moi ben representada na última escena: Vivos e mortos. A experiencia do público cambia dependendo de onde esteas sentado e de a quen escoites porque cada día estaban en sitios diferentes. Podes non sentir nada e aburrirte ou sentir que algo te golpea, pero iso non depende de min. O que me gusta de facer teatro é o que non está nas mans dos directores: o directo e o encontro co público. Hai moitas cousas na obra que están abertas e esa tamén é unha forma de poñer o público no centro.

Artigos relacionados