O Centro Dramático Galego celebra o seu 40º aniversario cunha proposta itinerante, que pretende achegar a cultura teatral a toda a comunidade galega.
A utópica rodante achegará o novo espectáculo do CDG a un cento de concellos galegos. Trátase dunha coprodución coa compañía Teatro ó Cubo, na que Sofía Espiñeira e Roberto Casal dirixen a montaxe da peza, interpretada por este último na compaña de Uxía Algarra. Esta proposta confronta a fantasía coa realidade e combina teatro actoral con monicreques, dando forma a un texto orixinal de Roi Vidal.
Esta creación recollida baixo o nome De Vilatriste a Vilalegre conforma unha programación descentralizada que pon no foco o medio rural, a través dunha extensa calendarización que se inicia neste mes de maio e se prolonga até setembro. Neste período, a obra será representada en máis de cen concellos, abarcando máis dunha vintena de lugares en cada unha das catro provincias galegas.
A utópica rodante será o motor deste espectáculo móbil, pois coma se dunha verbena se tratase, o camión transfórmase nas táboas sobre as que escenificar a peza. Unha proposta que asume a versatilidade e adaptabilidade da premisa, que a impulsa a facer rodar o teatro pola escena rural galega.
Esta produción, ademais de gozar dun carácter case ubicuo, está moldeada e pensada para ser aproximada a todos os públicos, co obxectivo de ser compartida co maior número de persoas posibles alá onde vaia. Un proxecto prometedor que ogallá non resulte único e que consiga consolidar a natureza accesible do mesmo, demostrando que a cultura non pode nin debe ter límites, nin xeográficos de ningún outro tipo.
Tras a súa estrea o pasado domingo na provincia de Lugo, en Negueira de Muñiz, hoxe comeza a súa andaina en Monfero, na Coruña, onde continuará co seu itinerario, chegando tamén á provincia de Pontevedra nos vindeiros días. Finalmente, xuño será o mes no que se achegará até Ourense, entremezclando as datas ao redor da xeografía galega. O calendario completo coas vindeiras datas e lugares para poder asistir á peza están dispoñibles na páxina web da Agadic.